O PSdeG esíxelle a Xunta e PP que expliquen os cambios no proxecto de Altri en Palas, que «nada ten que ver» co anuncio inicial

A viceportavoz do Grupo Socialista, Lara Méndez, esixiulle hoxe a Xunta e PP que aclaren “xa” o proxecto de Altri para Palas de Rei, que cada vez é máis opaco. A responsable socialista participou hoxe na multitudinaria manifestación celebrada en Santiago de Compostela contra a instalación dunha planta de celulosa en Palas de Rei.

A mobilización contou coa presenza de representantes do PSdeG de toda Galicia e de Xuventudes Socialistas, deixando clara a oposición do partido a “este ou calquera proxecto que non garanta un futuro sostible para o territorio”.

Durante a súa intervención, Lara Méndez subliñou que “sempre dixemos que o proxecto presentado como estratéxico no Parlamento polo PP nada ten que ver co que fomos coñecendo co tempo”. Méndez lembrou que a postura do PSdeG é coherente e constante: “Cargos socialistas participaron en todas as concentracións deste tipo, e seguimos comprometidos coa defensa do equilibrio territorial”.

A viceportavoz destacou tamén a importancia de analizar en profundidade un proxecto que mudou significativamente dende os seus inicios: “O noso secretario xeral tamén foi moi claro ao respecto: NON nos gusta, pero temos unha responsabilidade maior: investigar e coñecer a verdade dun proxecto que comezou dunha maneira e agora semella ser algo totalmente distinto”.

Para o PSdeG, a sostibilidade medioambiental é unha prioridade, pero Lara Méndez advertiu que este aspecto non é suficiente: “Hai que estar vixiantes na sostibilidade social e económica. É un proxecto viable economicamente ou imos ter que mantelo con fondos públicos?”.

En consecuencia, o PSdeG reitera que, se o proxecto non cumpre con todos os requisitos necesarios, non debe levarse a cabo. Méndez reafirmou o compromiso do partido cun desenvolvemento sostible que respecte tanto o medio ambiente como as necesidades das persoas.

“Defendemos un modelo que equilibre a protección medioambiental coa sostibilidade social e económica. Non imos aceptar que proxectos que non teñen viabilidade clara comprometan o futuro do noso territorio”, concluíu Méndez.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios