O PSdeG pide á Xunta que salve os 13 empregos eliminados na autovía AG-41

O Grupo Socialista rexistrou no Parlamento galego unha iniciativa para que a Xunta de Galicia rectifique e corrixa os novos pregos de licitación para o mantemento da autovía do Salnés (AG-41). A deputada Paloma Castro denuncia que a decisión do Goberno galego elimina 13 postos de traballo e deixa sen explicacións aos traballadores.

O pasado mes de xuño, a Xunta integrou o mantemento da AG-41 no lote 6 (Pontevedra Norte) tras o rescate da concesión, pero nos novos contratos non se recolle a subrogación dos traballadores que levaban anos realizando esas tarefas. «Son persoas que levan anos facendo o mantemento desta vía. Que pasa agora con elas? Van quedar na cuneta mentres a Xunta di que todo está ben?», preguntouse Castro.

Un problema de persoas e decencia

A deputada socialista subliña que os traballadores intentaron que se respectasen os seus dereitos por todas as vías formais, pero non obtiveron resposta. A situación é «desesperante», xa que «detrás de cada praza que se suprime hai un nome, unha familia, unha historia».

A iniciativa do PSdeG inclúe unha proposición non de lei, preguntas e unha interpelación directa ao Goberno galego co obxectivo de que se modifiquen os pregos e se recoñeza o dereito á subrogación, «como sería de xustiza».

«Non pode ser que Feijóo e Rueda veñan presumindo de rescatar autovías e logo deixen tirados aos traballadores que as manteñen día a día, chova ou faga sol», afirma Castro, quen conclúe que o problema non é de contratos, senón de «persoas» e de «decencia».

Comparte éste artículo
No hay comentarios