NO ÁMBITO PORTUARIO
– Mantemento dalgúns tráficos comerciais na dársena interior, especificamente de mercadoría limpa, e prever espazo para posibles futuros tráficos regulares de colectores, Ro-Ro e Ro-Pax. Os espazos para acoller estes tráficos contemplaranse, preferiblemente, na contorna do Centenario.
– O mantemento destes tráficos require manter e mellorar a conectividade viaria e ferroviaria do porto da dársena interior e evitaranse, na medida do posible, interferencias coa mobilidade urbana do ámbito: tráfico rodado, transporte público (incluíndo novas posibles infraestruturas) e mobilidade peonil e ciclista.
– O uso pesqueiro industrial (venda, procesado e transformación) debe trasladarse maioritariamente e sempre que sexa posible á contorna Oza-Repsol, unificando os usos pesqueiros na contorna de Oza ampliando a superficie en terra e auga cara ás instalacións de Repsol.
NO ÁMBITO DA MOBILIDADE
– Reflectir as actuacións necesarias (infraestruturas, reordenación de servizos) para facilitar o intercambio de modo de transporte metropolitano e urbano, preferiblemente na contorna da praza de Ourense/comezo de Linares Rivas.
– Estudar a posibilidade de implementar un servizo ferroviario de proximidade no ámbito do proxecto, aproveitando a infraestrutura existente no corredor da Ría do Burgo. Neste sentido, deberá analizarse tanto a demanda potencial como as posibles obras necesarias na liña para garantir un servizo atractivo.
– Estudar a mobilidade viaria do ámbito, considerando distintas opcións de soterramento parcial do viario estruturante da zona, polo que se facilitaría a permeabilidade peonil cara ao mar.
NO ÁMBITO CIDADÁN
– Co obxecto de contar cun barrio cheo de actividade, a todas as horas, e que teña os usos de calquera outro barrio, garantir a viabilidade económica do proxecto, o Máster Plan recollerá o desenvolvemento de usos residenciais no ámbito, xunto con outros posibles usos como o terciario e o dotacional. Estes desenvolvementos residenciais deberán proporse, preferiblemente, na contorna de San Diego.
– Entre os usos para implantar, é conveniente considerar un equipamento multiusos cuberto de gran capacidade en San Diego.
– Así mesmo, entre os usos para implantar, é conveniente considerar o desenvolvemento de diferentes equipamentos de cidade no contorna Batería e Calvo Sotelo e Linares Rivas, podéndose considerar que un deles sexa de escala de cidade e con carácter icónico ou simbólico que caracterice a intervención.
– Neste sentido, a contorna de Batería e Calvo Sotelo poderá desenvolverse a unha velocidade distinta do resto do ámbito, dado que está liberado parcialmente de actividade portuaria. Ademais, existe un consenso entre os organismos que compoñen a Comisión Coruña Marítima en que os usos nesta zona se desenvolvan mediante un modelo concesional.
NO ÁMBITO AMBIENTAL
– Considerar a integración do río Monelos e a súa desembocadura no deseño do ámbito, así como os usos da auga vinculados á súa contorna.
– O Máster Plan poderá propoñer a introdución de láminas de auga nos terreos hoxe recheos que deixen de ter uso portuario. Esta posibilidade e a anterior do río Monelos deberán considerar o impacto da actuación no cambio climático e os posibles riscos de inundación consecuentes.