O PPdeG demanda ao Goberno central o traspaso de recursos para que Galicia xestione ou seu litoral

Os populares denuncian que os avances nesta cuestión “sucedéronse a contagotas” e poñen en dúbida a suposta dificultade na que se escusa o Goberno central á hora de cuantificar os medios dos que actualmente dispón para a xestión da costa galega.

O Partido Popular de Galicia traslada ás Cortes Xerais a súa demanda para urxir ao Goberno central a que cumpra a súa obriga de transferir a Galicia os medios necesarios para que a comunidade autónoma poida exercer as súas competencias estatutarias sobre a xestión do litoral.

Faino a través dos seus representantes no Senado en no Congreso, liderados pola senadora Pepa Pardo e polo deputado Pedro Puy, que veñen de rexistrar sendas iniciativasparlamentarias nas que preguntan polos prazos que manexa o Executivo estatal á hora de facer efectiva a transferencia tanto dos medios materiais e persoais como do crédito, os expedientes e os edificios necesarios para facer efectiva a Lei do litoral de Galicia aprobada en 2023.

Unha reivindicación que fundamentan na decisión do Tribunal Constitucional de avalar esta norma aprobada polo Parlamento de Galicia, desestimando así o recurso de inconstitucionalidade interposto polo presidente do Goberno de España.

Recordan ademais que, a pesar de que o pasado mes de decembro se alcanzou un acordo entre o Goberno galego e o estatal no que este último comprometía a transferencia a Galicia da xestión do seu litoral, a día de hoxe “aínda non se traspasaron os medios necesarios para exercer esta competencia tan importante para a Comunidade con máis quilómetros de costa de toda España”.

Os populares galegos denuncian que nestes nove meses os avances nesta cuestión “sucedéronse a contagotas” e poñen en dúbida a suposta dificultade na que se escusa o Goberno central á hora de cuantificar os medios dos que actualmente dispón o Estado para a xestión da costa galega.

De aí que conclúan amosando o seu convencemento de que “as razóns destes atrasos teñen menos que ver coa dificultade técnica que coa escasa vontade do Goberno de Sánchez de facer nada en positivo por Galicia”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios