Arroxo: “Estamos a pasar por unha situación moi complexa, levaremos o proceso transitorio da forma máis áxil e rápida, o Concello funciona con total normalidade”

Destacou a memoria da Alcaldesa «que vai máis aló de unha grande representante pública, vai ser lembrada como unha gran persoa».

O Alcalde en Funcións, Rubén Arroxo, deu conta da actualidade municipal na primeira xornada despois do falecemento da Alcaldesa Paula Alvarellos. Arroxo afirmou que «non pode haber unha situación peor pola que asumir a Alcaldía», e explicou que a Corporación Municipal e o persoal do Concello continúan a traballar “para seguir sacando adiante as cousas».

«Estamos a pasar por unha situación moi complexa, mais levaremos o proceso transitorio da forma máis rápida e áxil para que Lugo recupere a normalidade canto antes», dixo Arroxo. O prazo legal para a elección do novo Alcalde ou Alcaldesa de Lugo remata o día 11 de marzo, seguindo o prazo que marca a lei nestes supostos. O pleno contará con dous puntos, a toma de posesión do novo concelleiro ou concelleira e a elección de novo Alcalde ou Alcaldesa.

Rubén Arroxo destacou a implicación da veciñanza na lembranza da figura de Paula Alvarellos, e asegurou que «o único positivo de todo isto é ver como se volcan as veciñas e veciños, con centos de persoas acudindo ao longo da fin de semana e na mañá de hoxe ao Concello». O Alcalde en Funcións afirmou que «Paula máis aló de ser unha gran representante pública, vai ser lembrada como unha gran persoa, estámolo a ver estes días no Concello».

Comparte éste artículo
No hay comentarios