O Proxecto Psyche involucra a máis de 100 persoas investigadoras de máis de 30 países co obxectico de secuenciar os xenomas dos lepidópteros europeos
O Proxecto Psyche, unha iniciativa colaborativa que busca secuenciar os xenomas das 11.000 especies de lepidópteros europeos, reunirá entre hoxe, día 6 de marzo e ata o sábado día 8 na Universidade de Lund (Suecia) a representantes de 15 países para debater o alcance e os obxectivos futuros deste proxecto. A Universidade da Coruña estará representada pola investigadora Laura Torrado Blanco, do Grupo de Investigación en Bioloxía Evolutiva (GIBE).
A comunidade Psyche está a piques de acadar un fito clave: a secuenciación dos 1.000 primeiros xenomas, con reconstrución cromosómica completa para cada especie. Este avance permitirá afondar na evolución das bolboretas e avelaíñas, analizar os efectos do cambio climático sobre as súa poboacións e mellorar as estratexias de conservación. Ademais, o proxecto xerará información valiosa para o control de lepidópteros considerados praga.
O Proxecto Psyche lidera un grupo de traballo dentro da Acción COST 10kLepGenomes da Unión Europea, unha rede de expertos en xenómica e Lepidoptera aberta á incorporación de novos membros. A profesora da UDC Marta Vila Taboada desempeña o papel de coordinadora de comunicación científica desta rede.
Durante a reunión en Lund, os participantes debaterán sobre a ampliación da comunidade Psyche, a coordinación de publicacións científicas, a captación de financiamento adicional e a definición de roles dentro do proxecto. Tamén abordarán a divulgación científica, a revisión das listas de especies e as técnicas bioinformáticas que se empregarán en futuras publicacións.
Ata o momento, a secuenciación destes primeiros 1.000 xenomas realizouse no Wellcome Sanger Institute (Reino Unido) con mostras recollidas en sete centros distribuídos por Europa. O proxecto logrou descentralizar parte do proceso, formando novas xeracións de persoal investigador na revisión de xenomas. Neste contexto, en febreiro, as doutoras Laura Torrado Blanco e Luísa Martínez Martínez da UDC completaron a formación no Sanger Institute e comezaron a contribuír a esta fase clave desde a UDC.
O Proxecto Psyche
O Proxecto Psyche é un proxecto altamente colaborativo que involucra a máis de 100 persoas investigadoras de máis de 30 países. O seu obxectivo é xerar os xenomas das 11.000 especies de bolboretas e avelaíñas presentes en Europa.
Na súa primeira fase, Psyche estableceu sete centros de mostraxe en institucións asociadas de España (Institut de Biologia Evolutiva, CSIC-UPF), Suíza (Universidade de Neuchâtel), Suecia (Universidade de Lund), Finlandia (Universidade de Oulu), Italia (Universidade de Florencia), República Checa (Biology Centre CAS) e Romanía (Museo Nacional de Historia Natural Grigore Antipa, cada un dos cales recolle e crioxeniza polo menos 200 especies de lepidópteros.
Toda a secuenciación desta fase está a levarse a cabo no Wellcome Sanger Institute (Reino Unido), onde tamén se abordan outros proxectos xenómicos de biodiversidade, como o Darwin Tree of Life. En fases posteriores, preténdese incrementar tanto o número de centros de mostraxe como os de secuenciación.
Para máis información sobre o Proxecto Psyche: https://www.projectpsyche.org/.