Alumnado do colexio As Mercedes abriu hoxe a actividade, que continuará durante as vindeiras semanas coa participación de quince centros educativos do municipio lucense.
Escolares do colexio As Mercedes foron os primeiros participantes no escape room sobre a figura de Castelao organizado pola Xunta na Biblioteca Pública de Lugo. A actividade, dirixida a alumnado de sexto de Primaria, está promovida pola Dirección Territorial de Cultura, Lingua e Xuventude e maila Biblioteca dentro dos actos programados neste 2025, declarado polo Goberno galego como ‘Ano Castelao’.
A iniciativa continuará nas vindeiras semanas coa participación de quince centros educativos do municipio lucense. Os seguintes xogadores serán rapaces e rapazas de Maristas -mañá-, María Auxiliadora – este xoves – e Quiroga Ballesteros – o venres -.
Ata o 10 de abril, última data programada, acudirán os colexios Casás, Rosalía de Castro, Galén, Cervantes, Luis Pimentel, Illa Verde, Anexa, Menéndez Pelayo, Divina Pastora, La Milagrosa e Nadela.
Pescudando en Castelao. O tesouro das cousas propón un xogo de pistas que cada grupo de alumnos debe resolver no prazo dunha hora. Os participantes, «detectives literarios», deberán adentrarse na Biblioteca para descifrar unha serie de enigmas baseados na vida e obra de Castelao. A meta é descubrir unha mensaxe oculta que o autor deixou nos seus escritos e debuxos, e só superando todos os pasos poderán desbloquear a mensaxe final antes de que remate o tempo.
O obxectivo do xogo é transmitir ás novas xeracións a relevancia da obra de Castelao e potenciar o interese pola literatura galega, constatando o seu importante papel na consolidación da identidade cultural de Galicia.