O Pleno do Concello de Noia aproba a moción da Marea Cidadá en defensa dos dereitos LGTBIQ+

O Pleno do Concello de Noia aprobou, por unanimidade, a moción presentada pola Marea Cidadá de Noia para a defensa dos dereitos das persoas LGTBIQ+. A proposta, defendida polo voceiro da formación, Manolo Seijas, busca reforzar o compromiso institucional coa igualdade e a loita contra a discriminación por orientación sexual ou identidade de xénero.

A moción destaca o aumento das agresións e discursos de odio contra o colectivo, tanto a nivel estatal como na provincia da Coruña, e subliña o papel clave das administracións locais na protección dos dereitos da cidadanía. Entre as medidas acordadas polo Concello inclúense:

Campañas de sensibilización e formación en diversidade sexual nos centros educativos e espazos públicos.

A adquisición de bibliografía LGTBIQ+ para a biblioteca municipal. Formación especializada en delitos de odio para a Policía Local.

A organización de eventos culturais para dar visibilidade á diversidade sexual e identidade de xénero. Medidas para a inclusión laboral das persoas transxénero.

A emisión dunha Declaración Institucional anual con motivo do Día do Orgullo LGTBIQ+.

A colocación da bandeira LGTBIQ+ no balcón do Concello durante a semana conmemorativa.

A instalación de dous bancos arcoíris nunha zona céntrica como símbolo de apoio e visibilidade

.

Tras a aprobación da moción, Manolo Seijas expresou a súa satisfacción polo respaldo do Pleno e subliñou a importancia de que os concellos se impliquen activamente na loita contra a LGTBIfobia. «Non abonda con recoñecer a igualdade nos textos legais, senón que hai que traballar para que sexa unha realidade efectiva na vida cotiá», afirmou o voceiro da Marea Cidadá de Noia.

A formación política tamén anunciou que vixiará o cumprimento das medidas aprobadas, asegurando que se leven a cabo as accións comprometidas polo Concello.

Comparte éste artículo
No hay comentarios