O ulloán Sergio Alba, estrea esta “historia de humor retro-activo“ no que, calquera tempo pasado, sempre está presente
Como xurde a idea de facer este espectáculo?
Pois neste 2025, cumpro 50 anos e, a verdade, é que me apetecía contar algunhas cousas que sempre se me pasaron pola cabeza, e ninguén quixo escoitar nunca.
Así que. pensei facer crer á xente, que quizais pague a pena ver este espectáculo. Unha vez que o público estea dentro do auditorio e eu teña o micrófono na man, xa non haberá escapatoria posible.
Que nos atoparemos enriba do escenario?
Básicamente, unha homenaxe a unha época estrañamente marabillosa, na que cando aparecían os dous rombos en pantalla, ías para a cama sen rechistar e sen atreverte a preguntar ao día seguinte, a razón pola que ti non podías ver ese programa, película ou serie que emitiran a noite anterior. Había cousas que eran de maiores, e punto. Case tabú.
Neste formato, contarás anécdotas da túa infancia e xuventude. Era antes todo mellor?
Diferente. O que ocorre, é que co paso dos anos, tendemos a idealizar tempos pasados xa vividos. É innato no ser humano facelo, e ademais, penso que é necesario que así sexa, polo noso propio benestar emocional. Pero, evidentemente, nesa época non todo foi da cor de Espinete.
Pero aí están, nalgún lugar do hipocampo… os amigos, a E.X.B, as bólas das discotecas ou os aniversarios en familia bebendo Mirindas. Cada un de nós, ten un “autopasado” dentro do pasado temporal,que seguramente nos aporta recordos moi especiais.
A maioría dos feitos que vou describir, serán “realmente irreais”. A miña intención, é facer pasar un bo rato ao público, falando dunha época que curiosamente, malia ser pasado, parece ciencia-ficción.
Os rapaces de agora, alucinan cando lles falas dos Walkman, de que había computadoras de casette, de que o contido da tele era en blanco e negro ou de que unha video-consola era algo ao alcance de moi poucos…
Estará só no escenario?
Vou dar unha resposta moi á galega: pode que sí, e pode que non. Pretendemos que sexa un espectáculo dinámico, así que seguramente haberá sorpresas de cando en vez.
Desde logo, se alguén se atreve a acompañarme no escenario, ten que ser alguén contemporáneo aos dous rombos. Alguén que, coma mín, nunca chegou a ver o corpo sen vida de Chanquete, nin o apartamento de solteiro de Don Pimpón.
O formato, está pensado para todos os públicos?
Iso de que “está pensado”, xa é moito supoñer. O que sí que é certo, é que unha vez rematado e revisado o texto, diría que vai dirixido a público adulto. Máis pola temática, que por outra cousa.
Aparca logo vostede a música?
Para nada, de feito pode que tamén haxa música neste espectáculo ou incluso algo de baile. Quen sabe! A música é coma un cepillo de dentes… nunca se pode deixar.
Onde e cando poderemos ver “Dous Rombos”?
Estrearemos seguramente no mes de abril, e iremos anunciando as datas nas redes sociais do espectáculo.
Intentaremos, que a xente que veña aos shows pase un bo anaco. Vivimos con demasiada crispación social, política, dixital, medioambiental… Precisamos momentos de desconexión, para darlle caña ao cortisol.