Os asturianos, lideres do grupo, só perderon dous partidos.
Cita de altura para o Ineltrón Santo Domingo Betanzos. O Círculo Gijón, que encabeza o grupo AB da Tercera FEB, visita este venres Betanzos coa idea de amarrar matematicamente a clasificación para a fase de ascenso. O equipo de Nacho Galán, que só perdeu dous partidos esta temporada (un precisamente contra o Santo Domingo, nun dos encontros máis memorables dos betanceiros) é un conxunto cun roster propio doutra categoría, con integrantes tan destacados coma Samu Barros, Sergio Martínez ou Michael Okafor, aos que hai sumar os seus máximos anotadores esta temporada, o neerlandés Yoeri Hoexum e o xamaicano Lance Paul. Os xixoneses, cunha media de 91.2 puntos por partido, son os máximos anotadores da categoría, polo que moitas das posibilidades de éxito para os betanceiros pasan por aplicárense en defensa.
Así valora o encontro Antonio Díaz “Doc”, o adestrador do equipo local: “Esta semana foi moi difícil por culpa das lesións e non creo que todo o mundo chegue en condicións. Estamos con pouco ritmo. Intentaremos poñérllelo difícil aínda que eles só perderon dous partidos e nós non estamos tan finos coma hai un par de meses. Hai que recuperar o ritmo para afrontar o tramo final da liga e acabar a temporada o mellor posible e con bo sabor de boca, independentemente dos resultados”.
O encontro terá lugar no pavillón José María Valeiro Iglesias Tocayo (Municipal de Betanzos) o domingo 23 ás 17h e contará coa arbitraxe de Adrián Álvarez Rodríguez e Anxo Severo Méndez Insua.
Importantes partidos para os infantís de J. Caamaño Arquitecto e os sénior de La Goleta
No que toca ao resto de conxuntos do club, a fin de semana do 22 e 23 de marzo trae consigo dúas importantes citas: os infantís de J.Caamaño Arquitecto buscan a segunda praza do grupo na liga galega fronte a Obradoiro, determinante do factor cancha nos cruces previos á fase final na categoría, e os sénior de La Goleta xogan o seu primeiro partido de semifinais do grupo Coruña-Ferrol-Lugo de Terceira División FGB, medíndose aos coruñeses de Adfro. Se os rapaces de Toni Seijo, Alberto Caamaño e Carlos Martínez xogan en Betanzos o sábado ás 12h, os de Javi Blanco fano na Coruña ese mesmo día ás 16h no pavillón de Cocheras (A Coruña). Outros partidos interesantes na casa son o das júnior feminino de Infor-B contra Esclavas Riazor (sábado 10h.),o dos infantís de La Piccola contra Basquet Coruña (este no Vales Villmarín) ou os do Grelo Cadete contra Basket Xiria (domingo 12h nas Mariñas). As sénior feminino de Grelo mídense a Ensino Lugo o domingo (10h, As Mariñas) e o equipo de Segunda Autonómica a Galogrín ese mesmo día (19.15h Municipal).