Cada un dos vehículos pode ser empregado por dous profesionais e conta cunha capacidade útil de 3.500 litros de auga.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, fixo entrega hoxe de 12 novas motobombas ao Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF) de Galicia, que se repartirán por outros tantos distritos forestais de Galicia e que contribuirán a renovar a frota de vehículos dispoñibles: “Os galegos teñen que saber que algo tan prezado como o noso monte ten os mellores medios, e que están nas mellores mans”, salientou o presidente.
As novas motobombas contaron cun orzamento de preto de 4 millóns de euros, e inclúen capacidade para dous usuarios e almacenaxe de 3.500 litros de auga. Esta entrega complétase coa realización de cursos teórico-prácticos impartidos nos distritos forestais ao persoal asignado a cada vehículo.
Xunto con este novo material, o SPIF conta tamén con 2 novas máquinas hidrostáticas polivalentes de 6 adquiridas recentemente (valoradas en máis de 2 millóns de euros) que contribuirán á prevención e á extinción, sendo as outras catro cedidas á mancomunidade de Ourense.
O presidente manifestou o firme apoio da Xunta de Galicia na loita contra os incendios, situando o eixo da estratexia “na prevención, na dotación, na coordinación e na responsabilidade”: “Desde o Goberno galego temos que axudar cos medios materiais necesarios. Estes camións son un bo exemplo. Son os que queren todo o mundo, e resulta que se fan aquí, en Galicia”, subliñou Rueda.
Neste senso, esta mesma semana realizáronse preto dun milleiro de incorporacións ao servizo para traballar na loita contra incendios durante 8 meses, elevando o total de efectivos a máis de 3.000, cun terzo deles traballando ao longo de todo o ano.
Igualmente, o xefe do Executivo galego agradeceu o traballo que se fai desde o SPIF e desde todos os servizos de Emerxencias na loita contra os incendios: “Sodes un equipo moi potente, moi comprometido, e que non dubidades en estar ás duras e ás maduras”, apuntou. Ademais, manifestou a súa confianza de ter un verán libre de lumes: “Espero que tiñamos un año como tivemos estes últimos. Pero o que hai que facer é estar preparados”, remarcou Rueda.
Distritos forestais
As novas motobombas entregadas hoxe ao SPIF distribúense nos distritos forestais da Coruña (I Ferrol, II Bergantiños-Mariñas Coruñesas e IV Barbanza); Lugo (VI A Mariña Lucense, VII Fonsagrada-Os Ancares e VIII Terra de Lemos); Ourense (XI O Ribeiro-Arenteiro e XII Miño-Arnoia) e Pontevedra (XVI Deza-Tabeirós, XVII O Condado-A Paradanta, XVIII Vigo-Baixo Miño e XIX Caldas-O Salnés).