Rueda anuncia que a Xunta colaborará co concello de Ferrol na rehabilitación urbana da cidade

O proxecto céntrase en tres áreas de intervención: adquisición de edificios e solo para transformalos en infraestruturas sociais, sanitarias e culturais; rehabilitación de edificios emblemáticos, e reurbanización de rúas, prazas ou accesos.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello acordou esta mañá “colaborar co concello de Ferrol para levar a cabo a rehabilitación urbana da cidade” que incluirá “actuacións en seis barrios” e suporá un investimento de 12 millóns de euros. 

O obxectivo das intervencións previstas no convenio que se asinará co concello, tal e como explicou a conselleira de Vivenda e Planificacion de Infraestruturas, María M. Allegue, é a rexeneración urbana de barrios “declarados BIC, históricos ou que están na traza do Camiño de Santiago”. “Trátase dun proxecto para recuperar edificios e espazos para a cidadanía e que vai contribuír a asentar poboación e negocios na cidade”, indicou.

Rueda explicou que o Goberno galego “achegará o 75 % do investimento, é dicir, 9 millóns de euros”; e o Concello de Ferrol aportará o orzamento restante, é dicir, 3 millóns de euros. De xeito máis concreto, a Xunta financiará as obras destinadas a adecuación e reurbanización, e a Administración local asumirá o investimento da adquisición de soares e edificios.

O proxecto céntrase en tres áreas de intervención: adquisición de edificios e solo para transformalos en infraestruturas sociais, sanitarias e culturais; rehabilitación de edificios emblemáticos, e reurbanización de rúas, prazas ou accesos.

Neste sentido, en relación á primeira área, rehabilitarase para uso museístico o antigo edificio do Correo Gallego, na rúa Magdalena, 186. Tamén se acondicionará un soar na Graña para habilitar 60 prazas de aparcadoiro, e outro soar para realizar un espazo multifuncional na avenida Breogán e rúa Espartero, en Ferrol Vello.

Tamén se adecuarán os soares para o centro de saúde de San Xoán, para equipamento deportivo en San Xoán, outro no barrio Ultramar para centro social e outro en Caranza tamén para centro social.

No que se refire ao segundo eixe de actuación, acometerase o acondicionamento do centro cultural Carvalho Calero, do equipamento social en Recimil, do mercado da Magdalena ou do centro cívico de Caranza.

En canto á terceira liña de acción, executaranse obras de reurbanización da rúa Rubalcaba, de mellora da accesibilidade en Caranza ou de comunicación peonil entre os barrios da Magdalena e Canido.

Ademais prevese a remodelación da praza do Inferniño ou a rehabilitación da rúa Brasil, entre outras actuacións.

O Goberno galego, a través deste tipo de proxectos, segue traballando na mellora das contornas urbanas, da accesibilidade ou dos equipamentos públicos, contribuíndo á revitalización do territorio.

Abril Ferrol ao Mar

Rueda lembrou que a Xunta vén redobrando os esforzos técnicos e financeiros por “facer cidade” en Ferrol, xa que recentemente “se puxo en servizo a totalidade da primeira fase de Abrir Ferrol ao Mar”, un conxunto de actuacións acometidas na fachada marítima ferrolá.

Estas intervencións constaron dun investimento total de 15 millóns de euros, froito da cooperación entre a Xunta, a Autoridade Portuaria e o Concello de Ferrol. Este orzamento tamén contou co apoio de fondos MRR–NextGeneration.

Esta fase inicial incluíu o acondicionamento do entorno da dársena de Curuxeiras e a ampliación dun aparcadoiro na zona da Capitanía Marítima, co obxectivo de fomentar a mobilidade sustentable na fachada marítima de Ferrol, facéndoa máis atractiva e integrándoa na súa contorna natural.

Comparte éste artículo
No hay comentarios