Polémica en Lugo polas festas: Comisións de Festas responden a Rubén Arroxo

As comisións de festas de Lugo abaixo firmantes queremos manifestar o noso profundo malestar ante as declaracións do tenente de alcalde, Rubén Arroxo, en relación coas nosas reivindicacións. As súas palabras non só son desafortunadas, senón que buscan desacreditar a nosa protesta con argumentos que nada teñen que ver coa realidade.

As nosas demandas son lexítimas e responden a problemas concretos que dificultan a organización das festas dos barrios: as fianzas para a instalación de carruseis son moi elevadas (poden chegar ata os 7.000€ dependendo do número de atraccións); os retrasos na concesión de permisos e a falta de diálogo por parte do Concello. En lugar de ofrecer explicacións ou procurar solucións, o goberno municipal prefire desviar a atención cunha cortiña de fume, insinuando unha suposta vinculación política que non existe.

As comisións de festas traballamos con esforzo, moitas veces sen axudas e con trabas administrativas, para manter vivas as celebracións dos nosos barrios. A nosa reivindicación é apolítica: non pedimos privilexios, pedimos xustiza e igualdade de trato. 

Estamos moi preocupados porque no concello de Lugo, cada ano, atopámonos con máis trabas para organizar os festexos. Queremos saber por que hai comisións ás que se lles esixe unha fianza máis alta ca outras, por que os permisos se retrasan sen explicación e por que non se atende a nosa petición de flexibilizar os horarios.

Parécenos unha incoherencia que o goberno local nos poña tantas esixencias ás comisións veciñais que organizamos festas tradicionais, mentres que en rúas como Luis Seoane os veciños levan meses sufrindo molestias provocadas por un after e teñen que mobilizarse para reclamar unha solucións. Esiximos o mesmo rigor para todos e que o Concello actúe con responsabilidade ante os problemas que realmente afectan á convivencia na cidade.

Lamentamos que, en lugar de escoitar e buscar puntos de encontro, o Concello responda con descalificacións que non solucionan nada. 

Asinado:

Ricardo  Varela Varela, Presidente da Asociación San Isidro A Piringalla

José Manuel Rodríguez Varela, Presidente da Asociación Nova Abella

Crhistian Fernández Díaz, Presidente da Asociación Barrio de Paradai

Miguel Carballal Lourés, Presidente da Asociación de Veciños Ponte Romana

Comparte éste artículo
No hay comentarios