O BNG convoca á veciñanza de Lugo ao acto público de presentación de Rubén Arroxo como candidato á alcaldía de Lugo de cara ás eleccións municipais de maio de 2027. O acto, que terá lugar na praza Maior o vindeiro mércores a partir das 20h, contará coas intervencións de Rubén Arroxo, candidato á alcaldía, Ana Pontón, portavoz nacional do BNG e David Díaz, responsábel local de Galiza Nova. Rubén Arroxo convidou a toda a veciñanza de Lugo a asistir a este acto «onde iniciaremos o camiño para devolverlle a Lugo o que leva anos elixindo, un goberno de progreso que a partir de maio de 2027 estará liderado polo BNG», afirmou.
O BNG, baixo o lema «Pola dignidade de Lugo», traballará durante o vindeiro ano «para facer historia e conseguir a alcaldía de Lugo» despois do «golpe de estado municipal» protagonizado polo Partido Popular apoiado nunha concelleira tránsfuga. Arroxo reivindicou o traballo desenvolvido polo BNG durante os últimos sete anos no goberno municipal, asegurando que foron 7 anos «dun goberno de dignidade, de seriedade e de moito traballo», nos que «conseguimos grandes transformacións para a nosa cidade». O candidato nacionalista sinalou ademais que «a inmensa maioría do traballo que fixemos sempre o fixemos escoitando á veciñanza», e avanzou que o BNG «seguirá estando ao lado dos veciños e veciñas desde a oposición, coa mesma responsabilidade e coa mesma vontade de mellorar Lugo».
Arroxo dixo que «o Partido Popular foi incapaz de cuestionar un só proxecto impulsado polo BNG durante estes anos», e asegurou que «iso demostra a capacidade de xestión e de transformación do Bloque cando ten responsabilidades de goberno». Rubén Arroxo afirmou que ao PP non lle importa Lugo e afirmou que o PP supuxo unha «parálise» para a cidade, «desde o BNG imos seguir traballando por e para os veciños e veciñas».