Os betanceiros, que xa dependen de terceiros, queiman os últimos cartuchos.
Penúltima xornada do Grupo AB da Tercera FEB (antiga liga EBA) para o Ineltrón Santo Domingo Betanzos e último partido en casa para o equipo betanceiro. Os de Doc, que veñen de perder en Carballo contra un rival directo pola permanencia, deben gañar a Estudiantes Lugo se queren manter opcións de evitar a décima praza da liga e así evitar o último posto de descenso que marcan as bases de competición (un descenso final que depende, finalmente, da combinación de arrastres, ascensos e inscricións, como todos os anos). Porén, nin sequera gañando se garante chegar vivos á última xornada (a celebrar o día 26 de abril en xornada unificada) pois iso depende ademais, de que Culleredo ou Xiria perdan. (O escenario ideal para os intereses do Santo é que o fixesen os dous).
O rival, o Estudiantes Lugo, vai ser con todo un óso duro de roer porque, malia ter unha derrota máis ca os betanceiros, xogan na casa a última xornada co Calvo Basket Xiria, o que lles ofrece un aliciente máis para dalo todo no Carregal ( se suman as dúas vitorias que teñen por diante e lle dan a volta a un -5 de average, poden chegar a evitar o descenso se os de Doc volven perder na última xornada).
Reforzados tras o período de Nadal polo portorriqueño Douglas Zabdiel Mills Nales, os de Pablo Abuín perderon cos betanceiros en Lugo na primeira volta por 71-87, pero iso a penas é un dato de hemeroteca porque a situación de uns e outros é ben distinta. Así ve o partido Antonio Díaz “Doc”, o adestrador betanceiro: “Vai ser un partido a cara e cruz para ambos os dous, xa que eles, se gañan, aínda teñen opcións de manter a categoría. Ficharon un xogador experimentado para o final de liga, así que está claro que van pelexar pola permanencia. Se xogamos pensando na primeira volta imos levar un disgusto. Non vai ser doado. Necesitamos non só esforzo físico, senón sobre todo mental, de estar concentrados cos que temos que facer os 40 minutos, non perder a calma en función do marcador, especialmente cando estamos por debaixo, xa que perdemos 3 partidos dos últimos 4 vindo de remontar e todos teñen o mesmo denominador: desconexións defensivas na primeira parte e malas decisións en ataque nos minutos finais. Aí está para min a clave”.
Importantes partidos para La Goleta e o Grelo cadete masculino
Polo demais, nunha xornada en que as sénior feminino xogan en Arteixo e o equipo de Segunda Autonómica en Vigo contra o Basket Rías Baixas, os partidos máis destacados da xornada son a final da liga da terceira división no grupo Coruña-Ferrol-Lugo na que volve estar La Goleta (o rival, o Liceo en Elviña o domingo ás 19h) e o primeiro partido de semifinais da liga da Coruña que medirá os cadetes de Grelo fronte a Culleredo o sábado ás 20h no Sofía Casanova. As júnior de Infor-B xogan en Ferrol, o júnior masculino contra Esclavas na Coruña e os infantís de J.Caamaño Arquitecto preparan os cruces do vindeiro día 26, participando dende o venres 11 no Memorial Miguel Ángel González Estévez, en Vilagarcía, que abrirán ese mesmo día enfrontándose ao Salesianos Vigo e ao equipo portugués de Vitoria de Guimarães.