Galicia e Portugal poñen en marcha proxectos de acción ambiental na Reserva da Biosfera Gerês-Xurés no marco do Programa de Cooperación Transfronteiriza

Ángeles Vázquez sinala como actuacións prioritarias a conservación da biodiversidade, a xestión sostible do territorio e ao intercambio de coñecemento.

A Xunta de Galicia e o Instituto da Conservação da Natureza e das Florestas de Portugal porán en marcha proxectos de acción ambiental e de fomento do ecoturismo na Reserva da Biosfera Gerês-Xurés no marco do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza de España e Portugal  (Poctep).

Nese senso, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, asistiu hoxe, en Bande, á presentación da Estratexia de Desenvolvemento Territorial da Área Funcional da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés 2025-2030 (EGEXUR), na que se establecen como prioritarias accións ambientais dirixidas á conservación da biodiversidade, a xestión sostible do territorio e ao intercambio de coñecemento.

A estratexia presentada hoxe permitirá ao territorio optar aos fondos do Poctep, que conta con máis de 30 millóns de euros para as áreas funcionais do espazo transfronteirizo de España e Portugal. Delas, a Reserva da Biosfera Gerês-Xurés destaca pola súa singularidade e dimensión cunha extensión de preto de 260.000 hectáreas de superficie (máis de 63.000 hectáreas en territorio galego) sendo ademais unha das tres reservas da biosfera transfronteirizas entre España e Portugal.

Logo de facer fincapé na importancia de desenvolver iniciativas “serias e rigorosas” que garantan ante a Unión Europea as maiores partidas orzamentarias para acometelas, Ángeles Vázquez explicou que a grande aposta da Xunta será incrementar a superficie rehabilitada favorecendo a restauración e conservación dos ecosistemas existentes.

Así, executaranse traballos en bosques de rebolo, en predios naturais e seminaturais de montaña, en humidais e tamén se acometerán accións para garantir a conservación das turbeiras. Ademais, incidirase na retirada de especies exóticas invasoras para contribuír á recuperación de hábitats.

A maiores, a conselleira incidiu en que as accións de preservación do patrimonio natural deben complementarse con proxectos que garantan un desenvolvemento económico sostible. Nesa liña, puxo en valor a cooperación institucional tanto dos once concellos  que forman parte da Reserva -seis galegos e cinco portugueses- como da Deputación Provincial de Ourense e das institucións de Portugal para garantir a conservación dos nosos espazos naturais e, ao mesmo tempo, facer un aproveitamento sostible dos recursos que xeren oportunidades e permitan fixar poboación no rural.

Comparte éste artículo
No hay comentarios