O deputado Oscar Insua manifesta que «a Xunta fixo unha normativa para eliminar os pasos de peóns nos concellos rurais. Teñen unha visión urbanita do mundo. Canto antes a cambien, mellor para todos e para a seguridade da nosa xente»
Oscar Insua, deputado do BNG Costa da Morte, rexistrou varias iniciativas no Parlamento galego nas que solicita á Xunta de Galiza que adopte de xeito inmediato as medidas necesarias para mellorar a seguridade na estrada AC-440 ao seu paso por Quintáns (Muxía), repintando o paso de peóns que xa existía no punto quilométrico 6’980, que é utilizado polo alumnado do CEIP os Muíños e do IES Ramón Caamaño, así como polos usuarios do transporte público, moitos deles xente maior.
O BNG sinalou que a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), en resposta a unha carta que lle enviou o Concello de Muxía a finais do ano pasado dando coñecemento da problemática, afirmou que non se cumpren os requirimentos necesarios para sinalizar un paso prioritario, escusándose en criterios técnicos recollidos nunha instrución de 2024 .
Os nacionalistas advertiron que a situación nese punto quilométrico da AC-440 “é dun esperpento total, pois por un lado atopámonos ante a negativa da Xunta de repintar os pasos de peóns, e por outra con sinalización vertical de advertencia de perigo indicando a proximidade dunha curva perigosa á esquerda e advertencia de nenos”. Ademais, indicaron que existe un sinal de velocidade máxima de 40 Km/hora, e outro vertical sinalando a situación dun paso de peóns, que non ten sinalización horizontal.
Desde o BNG pregúntanse: “Cantos accidentes ou desgracias teñen que suceder na comarca para que a Xunta faga caso das demandas de máis seguridade para peóns e condutores?”.
Mercé Barrientos, voceira do BNG de Muxía, manifestou que “desde o BNG non entendemos que a Xunta, ante a demanda do repintado do paso de peóns en Quintáns, conteste dicindo que non é necesario actuar porque non se cómpren os requisitos”. A portavoz nacionalista lembrou que hai pasos de peóns noutros lugares da mesma AC-440 que teñen menos densidade de poboación. “E ademais en Quintáns existe un sinal vertical de paso para as persoas, e incluso outros que indican poboación escolar e peregrinos cruzando; polo tanto, o que pedimos á Xunta é algo razoable para a seguridade”.