O Grupo Municipal do Partido Popular alerta dunha grave situación de opacidade na xestión do Auditorio de Lugo. En resposta ás preguntas formuladas polos populares en comisión, o Goberno local confirmou que permite o uso deste espazo público a empresas privadas sen ningún tipo de convenio, sen documento que o ampare e sen ningunha contraprestación económica para o Concello.
“Están a ceder un ben público sen regras, sen transparencia e sen garantías de igualdade de acceso”, sinalaron dende o grupo popular, tras comprobar que nin sequera existe un protocolo ou fórmula pública para solicitar o uso do Auditorio. Isto supón, a xuízo do PP, un uso discrecional e arbitrario dun espazo que pertence a todos os lucenses.
O Partido Popular esixe a elaboración e posta en marcha dun regulamento claro, accesible e público que estableza os criterios obxectivos para o uso do Auditorio de Lugo. “Non se pode gobernar a dedo un equipamento público desta importancia, e moito menos favorecer intereses privados sen que exista un marco documental que o xustifique”, engaden.