Ana Miranda: “De pouco vale simplificar os trámites administrativos e simultaneamente querer instalar unha macrocelulosa contaminante como Altri”
Sobre o “Paquete de simplificación da Política Agraria Común”, presentado hoxe pola Comisión Europea, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda subliña que é fundamental que a PAC teña en conta as características propias do sector agrogandeiro galego no obxectivo de garantir a súa continuidade. Ademais reclama que a situación do agro se analice desde unha perspectiva ampla na que se contemplen todos os problemas: despoboamento, falta de relevo xeracional, desfase entre o pago que reciben os produtores e ganancias das grandes distribuidoras.
“A simplificación da tramitación da PAC é un paso importante para reducir as cargas administrativas, una demanda reiterada polo sector”, manifesta Ana Miranda, quen se mostra escéptica a respecto do aforro previsto pola CE aos agricultores coas novas medidas, arredor duns 1.580 millóns de euros. “Se o sector vai aforrar tanto, por que a Comisión Europea non puxo en marcha antes estas medidas?”, sinalou.
A eurodeputada galega apuntou que “de pouco vale simplificar os trámites administrativos e simultaneamente querer instalar unha macrocelulosa contaminante como Altri nunha comarca onde existen varias explotacións agrogandeiras e non hai problema de desemprego”. “A Comisión Europea e o PP teñen que ser coherentes e non enganar á cidadanía”, salienta.
“Os problemas do rural galego van moito máis alá dos trámites administrativos”, sinala Ana Miranda, quen lembra que o prezo do leite en Galiza é inferior tanto à media do Estado español como a media europea, o cal ten o risco de que as pequenas explotacións non aguanten a presión e desaparezan.
Segundo manifestou a eurodeputada do BNG a respecto da flexibilidade anunciada pola Comisión Europea, “a flexibilidade é benvida, pero non a calquera prezo, xa que non pode afectar, por exemplo, a boa calidade da auga e por tanto ao sector pesqueiro”. Por outro lado, Miranda criticou que a CE anunciara estas medidas sen ter feito unha avaliación do seu impacto. “O sector precisa certezas”, concluíu.