vindeiro martes, 20 de maio, ás 19:00 horas, terá lugar nas instalacións da Universidade Sénior en Normal, o acto de clausura da 5a edición do Programa de Democratización do Coñecemento, impulsado pola Universidade Sénior da Universidade da Coruña para as persoas maiores de 50 anos de Ortigueira, no que participaron preto de 50 persoas.
A Universidade Sénior, o Programa Universitario para Maiores de 50 anos da Universidade da Coruña, puxo en marcha, coa financiación da Xunta de Galicia e en colaboración co Concello de Ortigueira, unha nova edición do programa de formación universitaria específico para os adultos maiores da comarca, que se desenvolveu no Teatro da Beneficencia de Ortigueira, durante os meses de abril e maio.
Un total de 45 persoas maiores de 50 anos inscribíronse para participar neste programa, que finalizará o martes 20 de maio, cunha completa xornada de visitas culturais e actos académicos que abrangue a celebración do Día das Letras Galegas cun concerto de música tradicional, a visita ao Aquarium Finisterrae, e unha clase maxistral sobre actividade física nas instalacións da Universidade Sénior na Coruña, no edificio Normal (Paseo de Ronda, 47).
Ás 19:00 horas, terá lugar o habitual acto de entrega de diplomas, coa presencia do Vicerreitor de Titulacións e Internacionalización da UDC, Moisés Canle López; a directora da Universidade Sénior, Matilde García Sánchez; e maila concelleira de Cultura, Sanidade e Educación do Concello de Ortigueira, Ana Cartelle Fraga.
Con esta iniciativa, a Universidade Sénior continúa achegándose un ano máis á poboación maior de Ortigueira, respondendo ás súas inquedanzas e necesidades formativas desde a súa primeira edición en 2018.