O Grupo Municipal do Partido Popular visitou esta mañá o Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) para denunciar o estado de abandono dun espazo que naceu como o gran proxecto cultural do PSOE e que, hoxe, nin é museo, nin é interactivo.
O concelleiro Agustín Gallego lembrou como “o MIHL custou sete millóns de euros e foi presentado como un referente vangardista para divulgar a historia da cidade”. “Trece anos despois da súa inauguración, o edificio carece de contido definido, a zona da exposición permanente está pechada e baleira, os elementos tecnolóxicos non funcionan e o espazo converteuse nun multiusos sen identidade museística”.
O edil popular recriminou que os PSOE non fose quen de coidar a súa obra insignia. Gallego lembrou como o exalcalde socialista Orozco, que impulsou este proxecto, chegou a comparalo coa Casa das Ciencias da Coruña. “A realidade é que esa comparación hoxe soa case a burla, mentres outras cidades apostan por espazos vivos e divulgativos, Lugo ofrece un edificio baleiro e sen proxecto.unha estratexia cultural para a cidade.
Lamentablemente a situación deste Museo é vox populi incluso en plataformas dixitais como Google onde se comenta o grao de abandono do museo: salas pechadas, contido escaso, elementos tecnolóxicos inoperativos… Lugo non pode permitirse ofrecer esta imaxe a quen nos visita.
Desde o Grupo Municipal Popular, Agustín Gallego propón unha revisión integral dos contidos do MIHL, a reparación inmediata das deficiencias técnicas e a recuperación do uso museístico da Caixa Negra, para que o museo cumpra por fin o obxectivo para o que foi creado: ser un espazo vivo e divulgativo da historia de Lugo.
Mala xestión en serie
O sucedido co festival We Tattoo Lugo é só o último exemplo dun despropósito absoluto na xestión cultural do Concello por parte do BNG. Os organizadores víronse obrigados a cancelar un evento internacional xa anunciado, logo de descobrir as graves deficiencias do Museo nunha visita para preparar o evento. Todo isto sucede sen recibir unha comunicación oficial previa.
Non recibiron ningunha alternativa viable, e a resposta institucional foi completamente insensible, chegando mesmo a negarlles o reembolso íntegro que desembolsaron como garantía do alugueiro do Gustavo Freire que tiñan contratado como espazo complementario.
A situación agrávase aínda máis cando comprobamos que o pasado venres o Concello anunciaba uns obradoiros de danza contemporánea e tras visitar o museo, tanto pola mañá como pola tarde, constatamos que non se celebrou neste espazo a actividade. A pesar diso, ampliouse o horario do persoal do MIHL mediante correo electrónico, o que implicará o pago de horas extra por un evento inexistente.