A Universidade Sénior, o Programa Universitario para Maiores de 50 anos da Universidade da Coruña, pon en marcha neste ano 2025, coa financiación da Xunta de Galicia, e en colaboración co Concello de Cee, as I Xornadas “Coñecendo a Universidade Sénior”, dirixidas aos adultos maiores desta vila e da súa comarca.
A presentación oficial destas xornadas celebrarase o venres 23 de maio ás 11:30 horas na Sala de Xuntas do Reitorado da Universidade da Coruña, coa presenza do Vicerreitor de Titulacións e Internacionalización, Moises Canle López, e da alcaldesa de Cee, Margarita Lamelas Louzán; e Matilde García Sánchez, directora da Universidade Sénior da UDC.
As xornadas desenvolveranse ao longo do mes de xuño na Casa da Cultura de Cee (Paseo Alcalde Pepe Sánchez, 9).
A inscrición, totalmente gratuíta, poderá realizarse en liña a través do espazo web da UDC Sénior Cee (https://universidadesenior.org/cee/) ou de forma presencial no Servizo de Deportes do Concello de Cee (Rúa Domingo Andrade s/n, 2o andar), entre o 24 de maio e o 8 de xuño.
O programa estrutúrase en tres módulos con sesións teórico-prácticas impartidas por profesorado da Universidade da Coruña, nas que se abordarán diferentes áreas temáticas:
MODULO 1. Humanidades e Ciencias Sociais
Xoves, 12 de xuño de 2025, de 16:30 a 19:00
Sesión teórica “Tipoloxía e significado dos cruceiros en Galicia” e visita ao Museo Fernando Blanco de Lema, a cargo do prof. Álvaro Iglesias Maceiras.
MODULO 2. Ciencias da Terra e Tecnoloxía
Xoves, 19 de xuño de 2025, de 16:30 a 19:00
Sesión teórica “A ría de Lires, unha contorna ambiental, social e economicamente sustentable” e saída de campo á Ría de Lires e piscifactoría Tres Mares, a cargo do prof. Javier Cremades Ugarte
MODULO 3. Ciencias da Vida e Saúde
Sesión teórica “Educación para a Saúde dende o exercicio terapéutico” e actividade práctica, a cargo da profa. Isabel Raposo Vidal.
Con esta iniciativa, a Universidade Sénior achégase por vez primeira ás persoas maiores de 50 anos de Cee e da súa contorna, co obxectivo de dar resposta ás súas inquedanzas e necesidades formativas, en liña co labor de extensión universitaria que desenvolve desde a súa primeira edición no ano 2018.