O Palacio Municipal da Coruña acolleu hoxe a presentación da duodécima edición deste evento, no que a concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, estivo acompañada da directora artística de Mar de Mares, Silvia Oviaño e a directora do Centro Oceanográfico da Coruña, Luz García.
O Festival Mar de Mares regresa á Coruña para festexar a súa duodécima edición. Coincidindo coa celebración do mes dos océanos, Mar de Mares dará o pistoletazo de saída o vindeiro 6 de xuño a esta nova edición que terá a ciencia e o compromiso medioambiental como protagonistas.
A gran cita co mar e coa ciencia, que se desenvolverá entre os días 6 e 15 de xuño e converterá a cidade na capital mundial da divulgación do medio mariño, presentouse esta mañá nun acto celebrado no Concello da Coruña e que contou coa participación da concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, xunto con Silvia Oviaño, directora artística de Mar de Mares e Luz García, directora do Centro Oceanográfico da Coruña.
Na súa intervención, a concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, destacou a filosofía que impregna a este evento multidisciplinar sobre o coidado do medio ambiente e a conservación dos océanos, así como da toma de conciencia colectiva da pegada do ser humano a prol da súa preservación. Neste sentido, a concelleira de Medio Ambiente salientou “a necesidade de que todos os coruñeses e coruñesas entendan o significado dese mar, esa xoia que rodea as súas vidas, xa que non só é unha fonte de ingresos económicos e emprego, é a fonte que garante a supervivencia da nosa especie”. A concelleira tamén suliñou a importancia do papel da muller, “non só neste senón en calquera ámbito da vida”.
Pola súa banda, Silvia Oviaño explicou a necesidade que sentía o Festival de poñer a ciencia no foco desta edición. “Levamos doce anos falando de todo o bo que nos achega o mar, de como nos enriquece material e espiritualmente. Desde o inicio quixemos contar tamén os problemas e as solucións que axexan aos océanos. Pero todo ese coñecemento non sería posible sen a ciencia e os investigadores”, destacou. Para iso o Festival contará con numerosos científicos que achegarán coñecemento e esperanza sobre o futuro.
A directora artística do festival desgranou o programa desta edición e convidou tanto aos seus fieis seguidores durante os últimos once anos como a novos públicos de todas as idades a mergullarse de maneira activa nas máis de trinta actividades programadas. Baixo o lema “Un mar conCiencia”, o Festival Mar de Mares aposta nesta edición pola ciencia como protagonista. Un dos pratos estrela deste ano será o encontro inspirador conOdile Rodríguez de la Fuente, bióloga, comunicadora e filla doutro gran divulgador científico, Félix Rodríguez de la Fuente, que inicia na Coruña os actos de conmemoración do centenario do nacemento do seu pai.
Silvia Oviaño lembrou que Rodríguez de la Fuente ensinounos a explicar a ciencia e a natureza de forma amena e divertida, e diso encargaranse os integrantes de Big Van Ciencia cos seus divertidos monólogos sobre cuestións de mar. Noemí Sabugal, a autora de “Laberinto Mar” falaranos da vinculación co mar que nos rodea. As exposicións tamén estarán protagonizadas por científicos, “Un mar de preguntas”, baseada no libro escrito polo biólogo mariño Javier García Galdo e ilustrado por Roque Araujo e “Auga da vida”, do biólogo e explorador de National Geographic, Manu San Félix.
Nesta edición, o Mercado Mar de Mares volverá ao icónico Mercado de San Agustín, no que gozaremos de diferentes formatos de actividades como concertos, obradoiros para nenos e nenas, faladoiros, showcookings, degustacións e moito máis. Tamén teremos a nosa inmersión mariñeira na cidade, cos paseos pola cidade barco con Xurxo Souto, as observacións de aves, a travesía en veleiro pola baía e como novidade, a visita a un dos edificios máis icónicos e máis mariñeiros da A Coruña, a Torre de Control.
A muller volve ter un papel relevante nesta edición, co encontro Executivas polo Mar, dando voz ás mulleres que traballan polo mar desde postos de dirección. Tamén volven as películas máis inspiradoras do mar co Ocean Film Fest e o III Foro Azul Mar de Mares, que centrará a súa mirada no poder da economía azul coa participación de investigadores e científicos. Como non podía ser doutra maneira, un ano máis o Festival poñerá fin a esta edición coa gran Limpeza de Fondos Mariños, un claro exemplo de que cando as institucións públicas e privadas únense á cidadanía poden facer grandes cousas. “Unha programación para todos e todas, para namorarnos ou reenamoranros do mar e, sen dúbida, unha programación conCiencia”, remarcou Oviaño.
Pola súa banda, Luz García, directora do Centro Oceanográfico da Coruña, unha institución científica clave nesta cidade e que desde o inicio forma parte da familia Mar de Mares. García destacou “a importancia de lembrar en momentos como o actual que a ciencia é a fonte do noso progreso” e resaltou a necesidade de que un Festival como Mar de Mares aborde o coidado dos océanos desde unha perspectiva multidisciplinar, da mesma maneira que a ciencia.
Sobre o Festival Mar de Mares.
Desde a súa creación, Mar de Mares traballa por un futuro máis sustentable promovendo a reflexión e convidando á cidadanía a tomar partido polos mares, co obxectivo de celebrar toda a riqueza que nos achegan os océanos e o compromiso coa súa defensa e coidado. Ao longo destes anos, o Festival consolidouse como un espazo de reflexión grazas aos seus completos programas e á participación de referentes mundiais que nos contaxiaron o amor polo mar e regaláronnos marabillosas historias sobre os océanos.
Unha ducia de anos sendo un festival único no mundo que mira ao mar desde tódolos ángulos posibles: científico, artístico, cultural, económico, gastronómico, educativo, activista… E sempre co obxectivo de facer unha programación para públicos de todas as idades e gustos. Nestes doce anos, reunimos preto de 350 relatores, realizamos unhas 400 actividades e fixemos once edicións polas que pasaron máis de 300.000 persoas. Recollemos doce toneladas de lixo do mar e bailamos ao ritmo de grupos musicais, degustamos os mellores produtos mariños e probamos os pratos dos cociñeiros máis comprometidos co mar.
Un festival avalado ademais por un sinal de calidade nas súas propostas e contidos en sucesivas edicións, sendo un dos eventos da Década dos Océanos da ONU, e colaborando con grandes referentes na divulgación como os World Press Photo, National Geographic, a BBC ou o CSIC. O Festival Mar de Mares está organizado pola Asociación Redes de Sal e conta co apoio de diversas institucións públicas como o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia, pero tamén se nutre de apoio privado como son Vegalsa, Signus e Abanca, así como a colaboración de numerosas institucións que traballan no ámbito mariño.