O PP de Lugo pide amparo á Valedora do Pobo tras o veto a dúas concelleiras nun acto público na Milagrosa

O PP pide que as administracións non colaboren en actividades que fomenten a discriminación por razóns ideolóxicas ou impidan o dereito de igualdade

As concelleiras do Grupo Popular no Concello de Lugo, Mar Carballas e Flor Rubinos, presentaron á Valedora do Pobo unha petición de amparo, en relación aos feitos ocorridos o pasado 23 de maio durante o pregón da Feira de productos do campo e artesanía da Milagrosa, cando lles foi denegado “co argumento de que eran cargos do Partido Popular” o acceso a un espazo público onde tiña lugar o pregón.

Esta actividade estaba organizada pola Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais do Distrito da Milagrosa, que contou coa colaboración da Deputación de Lugo, o Concello de Lugo, a Vicepresidencia de Cultura da Deputación e a Federación de Comercio, tal e como se acredita na copia do cartel feito para a presentación do evento.

Dende o Grupo Popular consideramos que estamos diante “dun caso claro de discriminación por razón de ideoloxía salientando que “este tipo de actuacións atentan contra os principios básicos dunha democracia plural”.

No escrito entregado, ambas concelleiras denuncian unha vulneración do dereito fundamental de participación nos asuntos públicos, recollido no artigo 23 da Constitución Española, así como un incumprimento do Decreto 226/2022 da Xunta de Galicia, que regula os espectáculos públicos e establece a obriga de garantir a igualdade de acceso e trato (especialmente nos artigos 13, 14 e 17).

Ademais, na petición de amparo inclúen referencias ao artigo 510 do Código Penal, que sanciona as condutas que inciten ao odio ou á discriminación por motivos ideolóxicos, como podería interpretarse neste caso.

Desde o Grupo Popular queremos deixar claro que non imos tolerar ningún intento de exclusión política nin de vulneración dos dereitos fundamentais de quen representa democraticamente aos veciños de Lugo. Presentamos esta petición porque “o que pasou na Milagrosa non pode repetirse en ningún barrio nin festa da nosa cidade”, explicaron Mar Carballas e Flor Rubinos trala entrega do escrito.

Os populares conclúen que “a liberdade e o respecto polos representantes públicos son principios básicos de calquera sociedade democrática, tamén en Lugo”.

Escrito a Valedora do Pobo

A/a. Excma. Sra. María Dolores Fernández Galiño Valedora do Pobo de Galicia

ASUNTO: Petición de amparo por vulneración dos dereitos políticos de dúas concelleiras do Concello de Lugo

Lugo, 30 de maio de 2025

Os abaixo firmantes, na súa condición de concelleiros do grupo municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, con domicilio a efectos de notificación en Praza Maior, s/n. 27001 Lugo, comparecen ante esta institución para presentar formalmente unha petición de amparo, para que as administracións non colaboren en actividades que fomenten a discriminación por razóns ideolóxicas ou impidan o dereito de igualdade, reclamando a protección dos dereitos políticos e institucionais das concelleiras María del Mar Carballas Piñeiro e Flora Rubinos Rois, logo do veto sufrido o pasado 26 de maio de 2025, no acto do pregón da Feira de Produtos do Campo e Artesanía da Milagrosa, en Lugo.

EXPOÑEN

O pasado 23 de maio celebrouse o pregón da Feira de San Isidro ás 20:30 horas, a cargo de Dona Cintia Folgueira Cobos, investigadora, nunha actividade organizada pola Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais do Distrito da Milagrosa, que contou coa colaboración da Deputación de Lugo, o Concello de Lugo, a Vicepresidencia de Cultura da Deputación e a Federación de Comercio, tal e como se acredita na copia do cartel feito para a presentación do evento.

A participación destas entidades públicas queda confirmada non só no cartel que se achega, senón tamén na presentación da feira aos medios de comunicación, celebrada o día 15 de maio de 2025, á que asistiron o alcalde de Lugo e o presidente da Deputación, segundo consta na nota de prensa enviada pola propia Deputación —documento que

tamén se achega—. Nela explícase de forma explícita que a colaboración da Deputación Provincial coa Feira de Produtos do Campo e Artesanía inclúe unha achega de fondos públicos por importe de 15.000 €.

Así mesmo, esta colaboración de fondos públicos tamén se confirma na proposta da deputada delegada da área de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo da Deputación, referida ao contrato menor 25/CM2_04/000298, relativo á contratación de produtos gastronómicos lucenses para a feira, mediante a cal se adquiriron 800 unidades de queixo da provincia por un importe total de 7.832 €, IVE incluído.

Non consta, segundo a documentación achegada, ningunha indicación sobre a necesidade dunha invitación previa para acceder ao acto, tendo en conta que por definición un pregón é un acto público incluso cando se desenvolve nun local pechado, como é neste caso.

En representación do Grupo Municipal do Partido Popular asistiron ao pregón Dona María del Mar Carballas Piñeiro e Dona Flor Rubinos Rois, que chegaron en tempo e forma ao acto. Ao acceder ao recinto, foron advertidas por cargos directivos da entidade organizadora —coa colaboración das administracións públicas antes citadas— da imposibilidade de entrar ao mesmo pola súa condición de “concelleiras do Partido Popular”. Este feito foi recollido polos diferentes medios de comunicación que cubrían o acto, e foi captado tamén graficamente. Asemesmo adxúntanse imaxes de que o aforo non estaba completo.

Este episodio constitúe, ao noso entender, unha vulneración do artigo 23 da Constitución Española, que garante o dereito á participación nos asuntos públicos. Así mesmo, supón un incumprimento flagrante dos principios de neutralidade institucional, pluralismo político e igualdade de acceso aos actos promovidos con recursos públicos.

Ademais, esta actuación podería estar motivada por razóns ideolóxicas, o que podería incorrer nos supostos recollidos no artigo 510 do Código Penal, que sanciona condutas que incitan ao odio ou á discriminación por ideoloxía.

O evento ao que se fai referencia contou co apoio económico de diversas administracións públicas, segundo consta na documentación achegada, incluíndo cartelería oficial, notas de prensa institucionais e contratos menores publicados por organismos provinciais. Ademais, na presentación pública da feira así como no propio pregón participaron representantes do Concello de Lugo e da Deputación Provincial, o que reforza o carácter institucional do acto e o uso de fondos públicos na súa organización.

Tendo en conta que a Valedora do Pobo ten como misión principal velar polos dereitos da cidadanía, SOLICITAMOS:

  1. O seu amparo, co obxectivo de garantir que as administracións públicas non colaboren en actividades que fomenten a discriminación por razóns ideológicas, nin impidan o dereito á igualdade e á participación pública en condicións de equidade.
  2. Que se investiguen os feitos denunciados e se determine se foron vulnerados os dereitos fundamentais das concelleiras Mar Carballas e Flor Rubinos, impedidas de acceder ao pregón pola súa condición de representantes do Partido Popular.
  3. Que se pronuncie sobre a legalidade de excluír a cargos públicos dun acto organizado con financiamento público, cando esa exclusión se produza por razóns de afiliación ou representación política.
  4. Que se recomende ao Concello de Lugo a adopción de medidas que garanten o acceso igualitario de todos os representantes públicos a actos de carácter institucional promovidos ou cofinanciados por el.
  • Que se promovan medidas para impedir que asociacións ou federacións subvencionadas polo Concello poidan excluír persoas por motivos ideolóxicos, por ser esta unha condición imprescindible para preservar a convivencia democrática e o pluralismo político.

Sen outro particular, agradecendo a súa atención, reciba un cordial saúdo.

Asdo. Elena Candia López                               Asdo. Cristina Sanz Arias

Asdo. Antonio Ameijide Osorio                       Asdo. Javier Vázquez Prado

Asdo. Flora Rubinos Rois                                 Asdo. Silvia Colmenero Guzmán

Asdo. RamónM. Cabarcos Rodríguez                  Asdo. Agustín Gallego  Vigo

Asdo. Aurora Aida Goás Castro                         Asdo. Gustavo E. Díaz Rey

Asdo. M. Mar Carballas Piñeiro                            Asdo. Damián Carballo Méndez

Comparte éste artículo
No hay comentarios