A formación en xestión de riscos, ao alcance de máis profesionais na Universidade da Coruña

A Cátedra Fundación Inade-UDC abre o prazo de inscrición para a novena edición do curso de posgrao en Xerencia de Riscos e Seguros, título propio da Universidade da Coruña que se impartirá en modalidade virtual. O prazo de inscrición estará aberto ata o 15 de xullo e poderá formalizarse a través da páxina web da Fundación Inade.

Con 195 persoas tituladas desde o seu lanzamento, este programa formativo consolídase como unha das principais iniciativas a nivel estatal para a promoción dunha cultura preventiva e de xestión eficaz dos riscos empresariais. Durante seis meses, o alumnado adquirirá coñecementos prácticos e estratéxicos para identificar, avaliar e tratar os riscos que poidan comprometer a continuidade das organizacións.

O curso está dirixido a profesionais con, polo menos, dous anos de experiencia nos sectores asegurador, xurídico ou na xestión empresarial. Nesta edición mantense o recoñecemento como microcredencial universitaria, o que permite o acceso á formación sen necesidade de contar con titulación superior previa, dentro da aposta pola recualificación e actualización profesional.

A modalidade virtual permite o seguimento desde calquera lugar, e a formación culminará cun acto presencial de graduación, que servirá tamén como punto de encontro e espazo para o networking entre os participantes.

Desde a organización destacan que “a figura do xestor de riscos perfílase como unha figura imprescindible no futuro inmediato das empresas. Segundo estudos da Fundación Inade, unha inadecuada xestión de riscos foi determinante na desaparición dunha parte significativa do tecido produtivo galego. Este curso contribúe a reverter esa situación, proporcionando aos profesionais ferramentas eficaces para protexer a actividade empresarial”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios