A organización ecoloxista ADEGA celebra os 20 anos dunha das súas iniciativas máis emblemáticas e pioneiras, o Proxecto Ríos, o programa de voluntariado ambiental en ríos con maior implantación e seguimento no territorio galego.
Con motivo deste aniversario, Proxecto Ríos organiza o vindeiro sábado, 14 de xuño, unha xornada de portas abertas no Concello de Zas, para dar a coñecer as actividades que se desenvolven no marco da iniciativa. Esta actividade inaugura a campaña #SúmateáCorrente, impulsada polo proxecto co obxectivo de ampliar a súa base de voluntariado, nun momento no que os ríos nos precisan máis ca nunca.
En concreto, o evento terá lugar na contorna da Carballeira de Baio entre as 10:30 e as 13:30 horas. Proxecto Ríos chama á participación de toda a veciñanza interesada en coñecer o río Baio desde unha perspectiva diferente e en participar nunha xornada de voluntariado ambiental nun espazo natural. Esta primeira acción da campaña #SúmateáCorrente pretende dar a coñecer o traballo que se desenvolve no Proxecto Ríos e incentivar a participación social na iniciativa. O programa inclúe a recepción do voluntariado na Praza Jorge Mira, unha presentación do proxecto, e unha actividade práctica de inspección e análise da calidade do río de Baio.
Esta actividade conta co financiamento da Deputación da Coruña e co apoio do Concello de Zas. É gratuíta, mais cómpre inscribirse previamente a través de formulario. Desde ADEGA animamos a todas as entidades locais e veciñanza a sumarse á corrente e participar nesta e nas demais actividades desenvolvidas no marco do Proxecto Ríos, que impulsará ao longo deste presente ano numerosos cursos e saídas de formación, bioblitzs (descubertas de biodiversidade), limpezas de ríos, roteiros, e tamén iniciativas de custodia fluvial.
20 anos unindo ríos e persoas
O Proxecto Ríos, promovido por ADEGA, naceu hai 20 anos coa vontade de achegar a cidadanía ao medio fluvial e de poñer en valor a riqueza ambiental, social e cultural destes ecosistemas. O seu motor é a participación activa da sociedade a través de actividades para o coñecemento, conservación e vixilancia dos ríos do país. Ao longo destas dúas décadas, Proxecto Ríos teceu xa unha rede de máis de 8.000 persoas e 600 grupos ao longo de todo o territorio, cunha especial implicación da comunidade educativa.
Nun momento especialmente delicado para os ríos galegos, ameazados pola presión de proxectos industriais e pola degradación ambiental, fortalecer a base de voluntariado do proxecto faise máis necesario ca nunca. A implicación cidadá é clave para vixiar, protexer e defender uns ecosistemas fluviais que son vitais para a biodiversidade. É por iso que Proxecto Ríos fai un chamamento a arrimar o ombreiro e formar parte activa dun movemento que aposta pola vida dos nosos ríos.