O PP urxe a PSOE e BNG o desbroce e a recuperación integral do Paseo do Rato

Antonio Ameijide insiste na necesidade “de ter en perfectas condicións” esta zona verde que cada día empregan centos de lucenses para pasear e facer deporte e denuncia como hai parcelas que “hai uns anos se mantiñan en perfectas condicións por parte da Deputación e agora decidiron deixalas abandonadas a pesar de que son de titularidade provincial”.

Como cada ano, PSOE e BNG na Deputación de Lugo volven a iniciar tarde os desbroces das súas propiedades, como pode ser o Paseo do Rato, unha das zonas verdes máis empregadas polos lucenses para pasear e facer deporte completamente invadida pola maleza.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, xunto á concelleira do PP en Lugo, Flor Rubinos, e veciños da zona comprobaron o estado desta zona verde á altura de Paradai.

Antonio Ameijide denuncia “a total desidia” de PSOE e BNG por manter esta zona verde, sobre todo “algunhas parcelas dende hai varios anos, nas que antes realizaban o desbroce pero agora xa non a pesar de que son todas de propiedade da Deputación”.

Na revisión realizada polos populares xunto aos veciños comprobaron como hai puntos nos que a maleza supera o metro e medio de altura, cubrindo o mobiliario, como bancos e papeleiras, e incluso pechando os camiños.

“Unha zona que tería que ser para o disfrute do tempo libre e, sobre todo, da riqueza natural que temos a sorte de ter no municipio de Lugo vemos como hai momentos nos que se volve un incordio porque hai que buscar alternativas para poder seguir co paseo ou coa actividade deportiva”, lamentou.

RECUPERACIÓN DOS CAMIÑOS E DOS HORTOS URBANOS

Antonio Ameijide recorda tamén que a recuperación dos danos ocasionados pola borrasca Olivier “está a demorarse máis do desexable” xa que pese aos dous anuncios realizados por José Tomé para recuperar esta zona verde do municipio “comprobamos como os camiños seguen totalmente destrozados e os lucenses temos que camiñar por zonas imposibles para poder seguir empregando esta zona verde”.

O voceiro popular tamén urxe un plan de recuperación dos hortos urbanos que a Deputación de Lugo ten no Paseo do Rato, á altura de Paradai, “completamente abandonados”.

A realidade é que os hortos urbanos que hai nesta zona verde son “unha morea de maleza, en lugar de ser unha zona na que os lucenses poidan cultivar as súas propias hortalizas”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios