Elena Candia destacou que o Xacobeo 2027 “traerá máis visitantes, polo que é necesario anticiparse e actuar xa, garantindo a convivencia segura entre vehículos e peregrinos”, polo que “agardamos que tanto PSOE como BNG apoien esta iniciativa necesaria para mellorar a seguridade viaria”.
O Partido Popular defenderá na Deputación e no Concello de Lugo senllas iniciativas para impulsar medidas de seguridade nos treitos do Camiño que discorren polo concello de Lugo e no resto da provincia, identificando diferentes puntos onde veciños e peregrinos camiñan a diario pola calzada, sen espazos seguros nin protección fronte ao tráfico.
A voceira municipal do PP, Elena Candia, destacou que no municipio hai numerosos puntos nos que urxe actuar para garantir a seguridade, destacando entre eles:
– LU-P-2901, no Burgo: estrada estreita, sinuosa na que o tráfico adoita circular a velocidades elevadas, sen espazo seguro para camiñar. Proponse instalar redutores de velocidade, mellorar a sinalización e estudar a creación dunha senda paralela ou habilitar cunetas pavimentadas e rebasables.
– Cruzamento das estradas LU-P-2901 e LU-P-1611 (Lugo – Guntín): é un punto no que conflúen numerosos vehículos e con visibilidade limitada. Proponse reforzar a sinalización e incorporar medidas para o calmado dotráfico.
– LU-P-2917, en Gondar: estrada con numerosas curvas e carente de espazos seguros para peóns. Proponse crear unha senda independente ou acondicionar zonas laterais para o tránsito de peregrinos e veciños.
Elena Candia recorda que o Xacobeo 2027 “traerá máis camiñantes e visitantes, polo que é necesario anticiparse e actuar xa, garantindo unha convivencia segura entre vehículos, peregrinos e residentes”.
Neste senso, “agardamos que tanto PSOE como BNG apoien esta iniciativa necesaria para mellorar a seguridade viaria e que hoxe presentamos á veciñanza de O Burgo”.
MELLORAS NO RESTO DA PROVINCIA
Pola súa banda, o voceiro provincial do PP, Antonio Ameijide, lamentou que “no resto da provincia tamén hai numerosas zonas nas que a Deputación debería de actuar para garantir a seguridade e nada fixeron”, recordando que “son moitos os peregrinos que chegan a nosa provincia a través das distintas rutas do Camiño de Santiago”, sendo moitos deles perigosos ao confluír o tráfico rodado coa circulación de peregrinos.
Antonio Ameijide destacou algúns dos puntos máis perigosos nos que cómpre actuar de inmediato, entre outros:
– Camiño Francés: LU-P-4001 na zona de Coto, unha vía provincial con importante circulación de vehículos na que os peregrinos practicamente non teñen espazo para moverse con seguridade.
– Camiño do Norte: LU-P-5702, nas inmediacións da capela do Carme en Ribadeo, unha zona con curvas, sen beiravía e con bastante tráfico que fai perigoso o paso de peregrinos.
– Camiño de Inverno: LU-P-1801, de Líncora a Chantada, na que sería preciso mellorar a sinalización e adoptar outras medidas para garantir a seguridade como a instalación de elementos redutores da velocidade ou o estudo de alternativas para separar o tráfico rodado do peonil.
Antonio Ameijide recorda que o Camiño de Santiago é un importante atractivo turístico que, a través das distintas rutas, atrae a moitos peregrinos que visitan a nosa provincia ao longo de todo o ano dinamizando a vida social, cultural e económica en moitos puntos da provincia constituíndo unha fonte de oportunidades, especialmente, no rural.