O Concello de Antas de Ulla celebrou unha nova sesión plenaria na que se acordaron distintos asuntos de relevancia para o funcionamento municipal, o desenvolvemento urbanístico e a estabilidade económica da administración local. O Executivo puxo de manifesto o avance na xestión, a redución do déficit e a capacidade para captar investimentos externos sen recortar servizos básicos.
No plano organizativo, o pleno aprobou de xeito definitivo a resolución das alegacións á nova ordenanza da madeira, que entrará en vigor tras a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) para regular e ordenar esta actividade forestal no municipio. Así mesmo, procedeuse á elección do novo Xuíz de Paz, cargo para o que foi elixido Carlos Val Pardo coa maioría dos votos da corporación.
Por outra banda, e para adaptala á normativa autonómica vixente, modificouse a nomenclatura da praza da biblioteca municipal, que pasará a denominarse «Director/a Técnico/a Auxiliar da Biblioteca Pública Municipal», mantendo inalteradas as súas funcións.
Impulso urbanístico e ordenación de contas
No ámbito urbanístico, deuse luz verde á aceptación da cesión de parcelas vinculadas á tramitación do Plan Básico Municipal, un paso indispensable para avanzar na planificación territorial do concello.
En materia económica, aprobouse un recoñecemento extraxudicial de créditos co obxectivo de facer fronte ao pagamento de facturas pendentes por servizos realizados para o Concello, moitas das cales estaban acumuladas desde o 1 de xaneiro de 2023.
O Goberno municipal expuxo a complexa situación financeira herdada ao inicio do mandato, cun volume de pagamentos pendentes que ascendía a máis de 722.000 euros, desglosados da seguinte maneira:
- Máis de 509.000 euros correspondentes a sentenzas xudiciais por impagos de etapas anteriores.
- Máis de 111.000 euros en facturas pendentes de provedores.
- Arredor de 101.000 euros en débedas polo canon da auga e o servizo de SOGAMA.
A día de hoxe, segundo os datos presentados no pleno, o Concello xa abonou máis de 400.000 euros do total desta contía, o que supón unha redución de máis do 60 % da débeda derivada de facturas e pagamentos pendentes.
Viabilidade para a Casa da Cultura
Durante a sesión, o Executivo local explicou a delicada situación en relación coa subvención de 816.885,02 euros concedida polo Ministerio de Transportes para o “Proxecto de rehabilitación enerxética e acondicionamento da Casa da Cultura e o seu auditorio”. Malia que os fondos foran ingresados anticipadamente na anterior etapa, non existía proxecto de execución nin expediente de contratación tramitado, e os cartos destináranse ao pago doutras facturas.
Para evitar a perda e devolución da axuda ministerial, o actual Goberno adoptou medidas urxentes mediante a contratación dun crédito e unha profunda reorganización económica. Esta manobra permitiu executar os traballos en prazo e reabrir as renovadas instalacións da Casa da Cultura en tempo récord.
O Goberno municipal concluíu destacando que, malia o elevado peso dos gastos estruturais, o Concello continúa captando financiamento doutras administracións para impulsar novos investimentos en Antas de Ulla baixo criterios de responsabilidade, transparencia e planificación de futuro.