Carme da Silva pide explicacións ao executivo de por que mulleres protexidas polo sistema foron asasinadas nun intervalo de apenas dúas semanas.
O Bloque Nacionalista Galego solicita a comparecencia inmediata da Delegada do Goberno contra a Violencia de Xénero para que explique os motivos polos que, en apenas dúas semanas, dúas mulleres protexidas polo sistema Vioxén foron asasinadas. A senadora do BNG, Carme da Silva, quere que a representante do Goberno informe publicamente dos dous últimos feminicidiosacontecidos na Galiza –en Campo Lameiro e A Coruña- e traballar para corrixir as posíbeis eivas do actual sistema de protección das vítimas de violencia machista.
“O sistema fallou e non impediu que Maritza e Marisol fosen asasinadas polos seus maltratadores. Ambas estaban incluídas no sistema Vioxén e tiñan medidas de protección activas no momento do crime. O sistema fallou de forma clamorosa, e faino ademais no marco dunha estrutura institucional que traslada ás mulleres a responsabilidade de denunciar e confiar na protección das autoridades para despois abandonalas” denuncia a senadora do BNG, Carme da Silva.
A nacionalista pide que se investigue con rigor como foi posíbel que Maritza, asasinada o pasado 15 de xuño no barrio da Sagrada Familia na Coruña, non estivese efectivamente protexida, malia contar cunha sentenza condenatoria que incluía unha orde de afastamento do agresor. Esa orde, segundo fontes oficiais, aínda estaba “en fase de execución” e non fóra comunicada ao condenado. “Isto é inaceptábel. Non se pode permitir que unha orde xudicial que debería aplicarse con carácter inmediato quede atrapada en trámites burocráticos mentres a vida dunha muller está en risco” advirte da Silva.
Impulsar medidas efectivas na loita contra a violencia machista
Neste sentido, o BNG demanda que se poñan fin ás dilacións nos procesos de execución das sentenzas en casos de violencia machista, asegurando que calquera orde de afastamento sexa aplicada de forma inmediata e efectiva desde o mesmo momento da súa emisión. “Non podemos permitir que o tempo xogue en contra das vítimas. A urxencia e a axilidade deben ser principios fundamentais do sistema” insiste a senadora.
Ademais, o BNG reclama que o Goberno active de inmediato medidas reforzadas de protección, revise os protocolos de valoración de risco, e implante dunha vez por todas a prometida versión mellorada do sistema Viogén 2, dotándoa de máis recursos e maior capacidade de resposta. Tamén insiste na necesidade de establecer mecanismos de control efectivo para agresores reincidentes e en situación de liberdade, como no caso de Marisol Costa en Campo Lameiro.
A senadora do BNG tamén demanda que se convoque un Comité de Crise para analizar estes dous feminicidios ocorridos nun intervalo de apenas 15 días, co obxectivo de extraer conclusións e aplicar correccións inmediatas. “Non pode quedar todo en roldas de prensa ou condolencias institucionais. A sociedade exixe respostas, e as vítimas —as actuais e as potenciais— teñen dereito a que se tomen decisións contundentes e valentes” afirma da Silva.
Así mesmo, o BNG reclama a formación obrigatoria e especializada en violencia machista para todos os axentes implicados na cadea de protección: forzas e corpos de seguridade do Estado, persoal xudicial, profesionais dos servizos sociais e todos aqueles que intervén directa ou indirectamente na atención ás vítimas. “Non abonda coa vontade, fai falla formación, coordinación e recursos reais” conclúe a senadora.