Neste primeiro encontro marcáronse o calendario e as liñas de traballo que se levarán a cabo nos vindeiros meses.
A Universidade da Coruña foi sede da reunión constitutiva do grupo de traballo sobre a descentralización do grao en Medicina, proposto na sesión do 10 de xuño do Consello para a Coordinación da Docencia Clínica en Galicia.
Esta primeira reunión, convocada e presidida pola Universidade de Vigo, contou coa asistencia do reitor da UDC, Ricardo Cao; o reitor da UVigo, Manuel J. Reigosa; e o da USC, Antonio López; así como con José Alberto Díez de Castro, secretario Xeral de Universidades; Carmen Balboa, vicexerenta do SERGAS; José Carreira, decano da Facultade de Medicina; José Ramón González, xefe do Servizo de Cardioloxía e Unidade de Coidados Críticos do CHUS e Catedrático de Cardioloxía na USC; Juan Carlos Vázquez, xefe de Otorrinolaringoloxía do CHUAC e docente na UDC; e Ana Concheiro, xefa do Servizo de Pediatría da Área Sanitaria de Vigo e docente da USC.
Neste primeiro encontro, marcado pola propia creación do grupo, aprobouse a normativa de réxime interno e o calendario de traballo que marcará as liñas de acción de cara aos vindeiros meses.