XII edición de “Os xoves de Códax”: cultura, viño e solariedade no corazón do Salnés

Catro concertos exclusivos con artistas de referencia estatal e galega, que unen música, viño e compromiso social nun entorno único en Cambados.

Bodegas Martín Códax presenta unha nova edición de “Os Xoves de Códax”, o seu ciclo musical do verán, que desde hai xa doce anos conxuga o mellor da música en directo coa solidariedade e o compromiso cultural nun entorno único: a terraza da adega en Cambados, coa vista privilexiada sobre a Ría de Arousa e os atardeceres do Salnés como escenario natural.

Este 2025, os concertos celebraranse os días 17 e 31 de xullo, e 7 e 14 de agosto, ás 20:30 horas, cun cartel de luxo que reúne a artistas de referencia da escena estatal e galega. Cunha aposta clara pola diversidade de estilos, a emoción nas letras e a conexión co público, a programación ofrece catro citas inesquecibles.

UN CICLO CON IMPACTO REAL

Dende os seus inicios, “Os Xoves de Códax” non só achega cultura: achega compromiso. A recadación íntegra de cada concerto irá destinada a apoiar proxectos sociais con impacto en Galicia, un por cada xornada, reafirmando a aposta de Bodegas Martín Códax por unha cultura que transforma e por unha empresa que retribúe ao seu territorio.

Grazas a este modelo solidario, o ciclo leva xa recadados máis de 270.000 euros, contribuíndo ao financiamento de proxectos que melloran vidas e xeran conciencia social.

“A música emociona, une e dá sentido. En Bodegas Martín Códax entendemos a cultura como un acto de responsabilidade, como unha ferramenta para construír unha sociedade mellor. Por iso, ‘Os Xoves de Códax’ son tamén unha maneira de devolver á comunidade todo o que nos dá”, explica Jorge Pallarés, director de marketing de Bodegas Martín Códax.

Un ano máis, “Os Xoves de Códax” convida a vivir o verán con intensidade e propósito: catro xoves de boa música, viño e compromiso para celebrar o que nos une e aportar, entre todas e todos, un gran de área cara un futuro máis xusto, sostible e orgullosamente galego.

PROGRAMA DE CONCERTOS 2025

17 de xullo – ELADIO Y LOS SERES QUERIDOS & DEPEDRO DePedro, proxecto do madrileño Jairo Zavala, é unha das voces máis recoñecidas da escena musical iberoamericana. Ao longo da súa traxectoria, foi capaz de crear unha linguaxe propia que mestura sonoridades do Mediterráneo, América Latina e África, dando forma a un repertorio cheo de raíces, emoción e compromiso. Coa súa voz cálida e os seus ritmos viaxeiros, DePedro convida a un concerto honesto e profundo, onde o multiculturalismo convértese en ponte entre culturas. Acompañarao nesta noite Eladio y los Seres Queridos, banda viguesa que celebra dúas décadas de traxectoria cun son maduro, introspectivo e elegante. O seu novo traballo, B.S.O. (2005–2025), é unha homenaxe ao paso do tempo e á música como banda sonora vital. As súas letras, que exploran a beleza do cotián, o amor ou a memoria, e as súas melodías sobrias e honestas fan deles un dos referentes do pop independente en galego e castelán.

Xuntos, ofrecerán unha noite onde a calidez, a poesía e a identidade marcarán o ritmo do atardecer no corazón do Salnés.

31 de xullo – DESCARGA FLAMENCA: MOISÉS FERNÁNDEZ, ISRAEL FERNÁNDEZ, DIEGO DEL MORAO & MÁS

A terraza das Bodegas Martín Códax acollerá unha das citas máis especiais desta edición de “Os Xoves de Códax”, cun espectáculo liderado por dúas figuras de referencia: o cantaor Israel Fernández, considerado unha das voces máis auténticas, emocionantes e persoais do flamenco contemporáneo, e o percusionista compostelán Moisés Fernández, músico versátil e vibrante cunha traxectoria sólida nos escenarios nacionais e internacionais.

Acompañaranos tamén un elenco excepcional que dará forma a unha auténtica festa flamenca: ás guitarras estarán Diego del Morao e Juan José Suárez “El Pakete”, dous referentes imprescindibles da sonoridade flamenca actual; á percusión, Israel Suárez “El Piraña”, cun compás enérxico e preciso; ao cante, Delia Membrive, cunha voz feminina poderosa, chea de emoción e presenza; ao baile, Isaac De Los Reyes, que combina técnica, expresividade e paixón sobre o escenario; e ás palmas, José Suárez e Rubén Fernández, encargados de marcar o ritmo e a forza desta posta en escena.

A cita promete unha noite chea de sentimento, improvisación, forza e complicidade, cun espectáculo vibrante envolto en duende e emoción, co solpor do Salnés e a Ría de Arousa como testemuñas privilexiadas. Unha oportunidade única para vivir o flamenco na súa forma máis intensa e verdadeira, no marco incomparable de “Os Xoves de Códax”.

7 de agosto – GUADI GALEGO & VALERIA CASTRO

Desde La Palma, Valeria Castro é unha das voces máis conmovedoras da nova canción española. Cun estilo íntimo e sensible, combina o folclore canario e latinoamericano cunha estética contemporánea que ela mesma define como “popclore”. Nomeada aos Latin Grammy, aos Goya e recentemente gañadora do premio a Mellor Canción de Cantautora nos Premios da Academia da Música de España, emociona con letras honestas, instrumentación delicada e unha voz que conmove dende a verdade. O seu novo disco, El cuerpo después de todo, afonda na autoestima e na vulnerabilidade co seu selo persoal: beleza, verdade e emoción.

Acompañaraa Guadi Galego, unha das grandes voces da música galega contemporánea. Coñecida polo seu traballo en Berrogüetto e unha sólida carreira en solitario, destaca pola súa capacidade para fusionar tradición, poesía e vangarda. Letras que falan de identidade, feminismo e lingua propia, cun son que viaxa do folk á electrónica con naturalidade. Auténtica, combativa e creativa, ofrece en directo unha experiencia emocional e colectiva única.

14 de agosto – ANXO ARAÚJO & LA BIEN QUERIDA

La Bien Querida, proxecto musical de Ana Fernández-Villaverde, consolidouse como unha das referencias do pop estatal pola súa capacidade para combinar letras cargadas de emoción cunha estética sonora que transita entre o indie, a electrónica e a canción de autor. O seu universo creativo é íntimo, melancólico e sempre honesto, conectando con públicos diversos dende a autenticidade. Xunto a ela, Anxo Araújo, artista galego que representa a nova escena musical da nosa terra. Cunha proposta que fusiona electrónica, pop, tradición e vangarda, Anxo combina sensibilidade poética cun coidado pola produción e a posta en escena. A súa música é un espello da identidade galega contemporánea: diversa, aberta e en constante transformación.

ENTRADAS E INFORMACIÓN

As entradas estarán á venda a través da plataforma Ticketrona a partir do mércores 2 de xullo ás 12:00 horas.
Prezo: 30€ por concerto
Aforo limitado
Acceso restrinxido a maiores de idade

Comparte éste artículo
No hay comentarios