O PP esixe a PSOE e BNG que en lugar de pagar a calefacción das gradas do campo de fútbol de Pol arranxen as estradas provinciais no municipio

Antonio Ameijide fai especial énfase na LU-P-4601, que une Fonfría con Rioxoán pasando por Pol, unha estrada na que “se poden ver as chapuzas de PSOE e BNG na rede viaria provincial, derivado dunha total falta de mantemento durante anos” xa que as reparacións “realizáronse por treitos, deixando accesos a vivendas cheos de parches e fochancas”.

O estado das vías provincias que a Deputación ten ao seu paso polo Concello de Pol “é francamente mellorable”, motivo máis que suficiente para que tanto PSOE como BNG “replantasen a súa política de dar fondos ilimitados ao alcalde desta localidade para, entre outros fins, poñer calefacción nas gradas do campo de fútbol e os destinasen a garantir a seguridade nas estradas provinciais ao seu paso por este concello”.

Tanto o voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, como a voceira do PP en Pol, Nicole Grueira, coinciden nesta idea despois de avaliar o estado das estradas da Deputación neste concello.

En concreto, Antonio Ameijide fai especial énfase na LU-P-4601, que une Fonfría con Rioxoán pasando por Pol, unha estrada na que “se poden ver as chapuzas de PSOE e BNG na rede viaria provincial, derivado dunha total falta de mantemento durante anos”.

Esta vía, que conta lonxitude de 5,5 quilómetros “está reparada a parches”. “Comezaron o seu arranxo, logo deixaron unha parte sen facer, retomaron os traballos máis adiante e volveron a parar… así ata o remate da estrada”, lamentou, ao que engadiu que “a ninguén se lle ocorre realizar reparacións por treitos ou fascículos, deixando tramos con fochancas diante de vivendas”.

Antonio Ameijide insta a PSOE e BNG “a ter unha preocupación real pola rede viaria provincial e a traballar por realizar reparacións con cabeza, en lugar de poñer parches onde lles apetece”. 

Ademais, o voceiro popular insta a José Tomé a explicar os motivos de realizar este tipo de “chapuzas” e sobre todo “explicar aos veciños os motivos de non reparar as fochancas que seguen diante das súas casas e non se repararon”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios