O BNG reclama un Plan Integral de modernización ferroviaria para a comarca de Ferrol

Néstor Rego: “A modernización da rede ferroviaria é imprescindíbel para garantir unha mobilidade eficaz e sustentábel, vertebrar o territorio e promover o transporte de mercadorías en conexión cos portos.

O Bloque Nacionalista Galego rexistra novas iniciativas para exixir ao Goberno do Estado un compromiso real coa mellora das infraestruturas e servizos ferroviarios na comarca de Ferrol. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denuncia o abandono histórico que sofre a área de Ferrol en materia ferroviaria e reclama actuacións urxentes: modernizar a liña Ferrol-A Coruña, revitalizar a antiga FEVE ou garantir a compatibilidade entre transporte de pasaxe e o de mercadorías, entre outras actuacións a desenvolver.

“A comarca de Ferrol leva décadas marxinada no que respecta aos investimentos ferroviarios. A situación é insostíbel e urxe pór en marcha medidas concretas que transformen o actual modelo, totalmente ineficiente, por outro que aposte pola mobilidade sustentábel e a vertebración territorial” afirma o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.

O deputado nacionalista urxe desbloquear o estudo informativo do bypass de Betanzos e iniciar canto antes a redacción do proxecto construtivo, como paso chave para reducir os tempos de viaxe entre Ferrol e A Coruña sen eliminar paradas intermedias. “Esta actuación está recollido no Acordo de Investidura conseguido polo BNG mais, a pesar de que se retomou o proxecto, hai que impulsalo e axilizalo” reivindica Rego.

Así mesmo, tal e como recolle o Acordo de Investidura, o deputado do BNG exixe modernizar a liña Ferrol–A Coruña mediante a construción de dobre vía, a electrificación e a corrección do trazado actual, eliminando curvas e mellorando a competitividade do servizo.

“É necesario garantir a compatibilidade entre o transporte de pasaxe e mercadorías, aproveitando o potencial dos portos de Ferrol e San Cibrao para incrementar o transporte ferroviario de carga” salienta Rego. Paralelamente, evidencia a necesidade de actualizar a liña de ancho métrico -antiga FEVE- que actualmente está nun estado de abandono e mesmo de desmantelamento. 

Con estas actuacións, poderíanse incrementar frecuencias e adaptar os horarios ás necesidades da poboación, tanto na liña principal como na de FEVE, como paso previo á recuperación da demanda e ao traspaso da xestión á Galiza.

Rego salienta que “non se pode seguir apostando por un modelo que expulsa usuarias e usuarios do tren por falta de servizos e horarios inviábeis. A solución non pasa pola eliminación de paradas senón pola mellora integral da infraestrutura”.

Así mesmo, o deputado nacionalista lembra que a conexión ferroviaria co porto exterior de Ferrol, actualmente en execución, só terá sentido se se melloran tamén as conexións cara o interior: “non ten sentido investir millóns nun acceso ao porto se logo a saída das mercadorías segue dependendo exclusivamente do transporte por estrada”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios