Iván Roca apelar a poñer en valor como parte do patrimonio mariñeiro da Ría do Burgo estes embarcadoiros históricos situados na zona verde.
O Bloque Nacionalista Galego reclama ao Goberno do Estado que revise os proxectos previstos polo Ministerio para a Transición Ecolóxica nos novos tramos do paseo marítimo de Oleiros, a fin de garantir a conservación e recuperación dos embarcadoiros tradicionais situados no Parque do Seixo, na Ría do Burgo. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, exixe ao executivo modificar os plans actuais e apostar pola súa posta en valor.
O Ministerio anunciaba o pasado 21 de xuño a exposición pública dos proxectos dos tramos do paseo marítimo tanto no Parque do Paraíso como no Seixo, con actuacións que supoñen un investimento global superior aos 2,3 millóns de euros. Porén, no proxecto do Seixo até o límite con Cambre –dotado con máis de 1,8 millóns– prevese a eliminación de dous embarcadoiros históricos, situados na zona verde pública da Ría do Burgo.
«O BNG sempre denunciou estado de abandono destas estruturas mais tamén defendemos con firmeza a súa conservación. Non se trata de eliminalas, senón de poñelas en valor como parte do patrimonio mariñeiro da nosa ría» subliña o voceiro municipal do BNG en Oleiros. Iván Roca lembra que xa desde 2009 o BNG leva rexistrando iniciativas reclamando o seu mantemento debido ao perigo que representan no estado actual, con ferros oxidados e sen ningún tipo de protección.
A formación nacionalista insiste en que a solución non pode ser a desaparición destes elementos, senón a súa recuperación. «Estes embarcadoiros son dous dos poucos que se conservan dos moitos que existían ao longo do litoral da Ría do Burgo. Son testemuña viva dunha actividade pesqueira tradicional que importa preservar» afirma o deputado do BNG no Congreso.
Por este motivo, o BNG demanda ao Goberno do Estado revisar o proxecto para incluír o acondicionamento e conservación dos embarcadoiros, asegurando as condicións de seguridade para os viandantes, especialmente tendo en conta que se trata dunha zona moi transitada por persoas que pasean ou practican deporte.
«A eliminación suporía a perda dun patrimonio singular ligado á memoria colectiva da comarca. A Ría do Burgo non pode seguir perdendo sinais de identidade como estes embarcadoiros tradicionais» alerta o deputado nacionalista.