Insubmisas Contra o Rearmamento Galicia. A guerra non se paga cos nosos cartos: stop ao negocio armamentista e ao rearmamento naval

A recente adxudicación dun contrato de 476.000 euros á multinacional Indra para a actualización do radar da fragata F-105 «Cristóbal Colón», publicada na prensa galega, é un novo síntoma da perigosa deriva belicista que atravesa o Estado español e a Unión Europea. Unha vez máis, os cartos públicos, que deberían estar destinados a reforzar a sanidade, a educación, a vivenda e a protección social, son desviados cara ao negocio da guerra, alimentando unha industria armamentista que vive da destrución, a morte e o espolio.

Mentres milleiros de persoas sofren a precariedade, os recortes e a falta de acceso a dereitos básicos, o Ministerio de Defensa segue enchendo os petos de empresas cómplices como Indra ou Lockheed Martin —esta última, unha das principais provedoras da maquinaria bélica estadounidense, responsábel de guerras, masacres e da perpetuación do imperialismo global. A F-105, punta de lanza da armada española, non é un instrumento de defensa, senón unha peza estratéxica na engrenaxe dun complexo militar-industrial ao servizo dos intereses xeopolíticos da OTAN e da industria de guerra.

O chamado «resurfacing dos Arrays do radar AN-SPY-1D» non é un tecnicismo neutro: é a actualización dunha ferramenta de seguimento e ataque, deseñada para actuar en escenarios de guerra real. A súa mellora non ten como fin protexer poboacións civís, senón asegurar a capacidade ofensiva da fragata para seguir participando en operacións de carácter imperialista, como as que xa protagonizou no Mediterráneo, no Golfo Pérsico ou en misións da OTAN.

É profundamente alarmante que o Estado non só aumente sen control o gasto militar, senón que tamén promova o desenvolvemento dunha nova xeración de fragatas (como a F-110) mentres proclama compromisos coa paz, a transición ecolóxica ou os dereitos humanos. Unha mentira máis nunha política fondamente hipócrita.

Indra non é unha empresa calquera: é un dos brazos tecnolóxicos do réxime militar-industrial español, implicada no desenvolvemento de sistemas de control, vixilancia e represión, tanto en contextos de guerra como nas nosas cidades. Que se presente como «oferta máis vantaxosa» é un insulto á intelixencia colectiva. Que vantaxe representa para o pobo galego ou para os dereitos dos pobos do mundo o feito de que a tecnoloxía de guerra sexa máis precisa, máis rápida ou máis letal?

Denunciamos tamén o papel que xogan estaleiros como os de Navantia-Ferrol neste ciclo de reconversión militar permanente. O que antes foi industria civil produtiva é agora transformado nunha factoría de morte ao servizo da guerra globalizada. Galicia merece outro futuro: un futuro baseado na soberanía enerxética, na industria sostíbel, na innovación ao servizo da vida e non da destrución.

A Cristóbal Colón poderá ser a fragata máis moderna da armada, porén simboliza un proxecto profundamente antigo: o do poder militar como ferramenta de dominación e saqueo. Mentres os gobernos ceden ante o lobby armamentista, Insubmisas Contra o Rearmamento Galicia erguemos a voz para dicir que outra política é posíbel, e sobre todo necesaria.

Reclamamos:

  • A paralización decontado de todos os contratos de mellora, construción ou renovación de medios militares ofensivos.
  • A reorientación dos investimentos militares cara políticas sociais, de axuda á dependencia, de coidados e de defensa civil.
  • A reconversión da industria naval de guerra en industria verde e civil ao servizo das maiorías sociais.
  • A saída de Galicia e do Estado español da OTAN e de todas as estruturas militares imperialistas, e o desmantelamento das bases militares norteamericanas.
Comparte éste artículo
No hay comentarios