A presentación oficial será o 10 de xullo de 2025 na Biblioteca Ceida de Oleiros
Laura Romero e Pakolas resultan gañadoras dos premios do «I Certame de Fondos de proxectos culturais singulares» da Deputación da Coruña (2025).
Pakolas e Laura Romero veñen de acadar un dos 5 primeiros premios coa dotación máxima de 22.500 euros, para levar a cabo a súa proposta de «Cores e rock para un ecoloxismo molón». 20 propostas en total foron premiadas neste certame pola Deputación da Coruña.
O proxecto multidisciplinar “Cores e rock para un ecoloxismo molón, con Laura Romero e Pakolas” combina a ilustración e a pintura mural de Laura coa música galega en directo a través dun espectáculo escénico de Pakolas de «Ecoralia a lambona ecolóxica», para a visibilización de temáticas como a ecoloxía e o coidado do medio, a sensibilización medioambiental, a defensa da terra, o traballo das mulleres no agro e no mar, así como a reivindicación da lingua galega nas artes. A proposta vai dirixida principalmente ao público das cativas e dos cativos, e na súa maior parte dentro do ámbito educativo, en ciclos de infantil e primaria, especialmente ao alumnado das escolas unitarias e coles con comedores sostibles ou Km 0, pero tamén aos centros de educación especial. Engádese ademais algún centro ou biblioteca singular relacionada co obxecto do proxecto (medio ambiente) ampliando así proposta escénica musical e mural ao público xeral familiar.
É un proxecto didáctico e cultural que ten dúas actividades ou accións principais na execución física, Por un lado unha pintura mural de pequeno/mediano tamaño (uns 6 m2) durantes 3 sesións nun espazo de cada un dos centros escollidos para a ocasión (biblioteca, cole, comedor, patio). Aínda sendo unha temática en común, cada un dos 6 murais serán adaptados ás zonas xeográficas tendo como resultado 6 murais diferentes. A última xornada de mural sumarase o concerto didáctico de Pakolas, un espectáculo escénico de 50 min. de duración titulado “Ecoralia a lambona ecolóxica”, así solaparase na execución sendo as temáticas a tratar —ecoloxismo, coidado do medio, alimentos, mulleres— iguais tanto para o músico e a ilustradora.
A primeira parada deste proxecto será na Biblioteca do CEIDA en Oleiros (Centro de Documentación Ambiental Domingo Quiroga). O concerto de Pakolas con «Ecoralia» co remate da intervención mural de Laura Romero terá lugar o xoves 10 de xullo ás 19.00 h da tarde, e require inscrición previa para control de aforo https://www.ceida.org/gl/formulario-confirmacion-de- asistencia-contacontos, tamén no teléfono 981 630 618 (de luns a venres de 10.00 a 14.00 h). Laura Romero estará desenvolvendo o mural os días 9 e 10 de Xullo, horario da biblioteca Luns: 10-14 h. / 16-19 h e martes-venres: 9-14 h.
Paco Cerdeira, ou Pakolas, nome co que se presenta ante o público infantil, é músico e compositor, cunha longa traxectoria neste eido profesional, sumando máis de 20 anos en diferentes bandas de música infantís (*). Defínese como rockeiro e guitarreiro, creando música para tódolos públicos, dende os máis miúdos ata familias ao completo, “música para todos e todas e letras axeitadas aos máis cativos e cativas”. Despois da edición dos librodiscos de “Pakolas” no ano 2017, de “Ramona Órbita a dona do tempo” en 2020, e “A Ramona pequena vai á Lúa” en 2023, e da formidable acollida por parte do público agotando a súa primeira impresión en tan só 5 meses, neste final de 2024 chega o seu cuarto traballo musical “Ecoralia a lambona ecolóxica” promovido polo CRAEGA, Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica da Xunta de Galicia.
Laura Romero é ilustradora, urban sketcher, profesora de debuxo e pintura e tamén música. Licenciada en Belas Artes na Universidade de Salamanca no ano 2014, e actualmente vive en Ordes (A Coruña). É socia da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), a cal preside dende finais do ano 2021. A música e o interese pola visibilidade das mulleres adoita estar presente no seu traballo como ilustradora. É a autora do proxecto Músicas Galegas Ilustradas e baixista da veterana banda de rock Zënzar dende o 2016.
SOBRE O TRABALLO MUSICAL ECORALIA. CRAEGA
Nas entrañas da carballeira máis extensa de toda Galicia, onde a vexetación é máis mesta e verde, vivía Ecoralia. Sempre vestía da cor do musgo e levaba unha trenza longa e roxa recollida cun estalote. Ecoralia era unha meiga moi nova e boa coñecedora de conxuros ancestrais aprendidos das súas avoas. Pero ela non era coma as demais. En Decembro de 2024 sae ao público o cuarto traballo en solitario de Pakolas, “Ecoralia a lambona ecolóxica” (CRAEGA, Xunta de Galicia), unha entrega das historias de Ecoralia, que nos ensinará a través das súas cancións a importancia de consumir alimentos ecolóxicos.
Ademais de Ecoralia, moitas personaxes poderedes coñecer neste novo álbum musical, como o seu compañeiro Mistín, o lucecú, que vivía no medio das flores amarelas de xestas coas que facía os seus conxuros. E, se Ecoralia era diferente ás demais meigas, Mistín era diferente aos demais lucecús, xa que tiña un semáforo no traseiro! Se o que papaba era saudable e ecolóxico, alumeáballe o cu de cor verde. Pero cando engulía algo malsán, o seu cu volvíase encarnado e botaba uns peidos incontrolables que se escoitaban na carballeira enteira coma unha treboada!. Ramón o teixugo dispoñía do ultramarinos da vila. Sempre había alimentos coa etiqueta ECO de CRAEGA: froitas e legumes, leite, carne, ovos, mel e mesmo alimentos do mar. Os alimentos ecolóxicos sempre sentaban ben!. Tamén as tías Rosa e Mónica, dúas irmás xemelgas que coidaban das súas hortas coma ninguén. O ultramarinos de Ramón o teixugo sempre estaba cheo de hortalizas e froitas das hortas das irmás. A tenda enchíase de cores todos os meses do ano! E por último Don Arsenio, que recollía unhas enormes mazás todo o ano! Como podía ser? Todas estas personaxes e historias poderás coñecer, e desvelar este misterio.
Esta é a proposta que nos presenta Pakolas xunto co CRAEGA no seu último traballo “Ecoralia a lambona ecolóxica”, que recolle o conto da pequena, e as letras das 6 novas cancións de Pakolas (Manxar; Pum, plas! ras pata plas!; Mistín; Baile tiruleco de etiqueta eco; Don Arsenio; Salvemos a terra e o mar), conta ademais cunhas fermosas ilustracións de Laura Romero, que de seguro farán as delicias dos máis cativos. A ilustradora, licenciada en Belas Artes na Universidad de Salamanca, participou en todo o proceso creativo desta peculiar personaxe e as súas aventuras ecolóxicas. A edición do libro en papel, que se distribuirá de xeito gratuíto entre bibliotecas e colexios, dispón de 1 código QR coa descarga das cancións, do libro en PDF e do material de traballo en unidades didácticas, todo dispoñible tamén para o público xeral dende a web do CRAEGA.