O PP denuncia que “Sánchez non actuará nin na metade dos pasos a nivel da provincia” e que “dos 14 previstos no municipio de Lugo ningún deles ten redactado o proxecto”

O Plan Director do Corredor Atlántico de mercadorías só contempla estas intervencións na rede da provincia (Eixo Monforte de Lemos – Lugo – A Coruña – Ferrol) confirmando o illamento da provincia en materia ferroviaria.

Os senadores do PP lucense – José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- veñen a denunciar que o Plan Director do Corredor Atlántico de mercadorías ferroviarias presentado polo Goberno para o eixe Monforte – Lugo – A Coruña – Ferrol practicamente non recolle actuacións novas na provincia de Lugo e as poucas que contempla rexistran grandes atrasos.

“As únicas actuacións previstas son a supresión de pasos a nivel”, pero “o documento non detalla cantos nin en que tramos concretos”. Polo tanto, os senadores formularon de xeito oficial preguntas no Senado para coñecer que pasos a nivel pretende suprimir o Goberno de Sánchez na provincia e en que prazos ten previsto facer efectivas estas obras.

Á vista das respostas do Goberno de Sánchez, os populares advirten que “queda acreditado que non ten previsto actuar nin na metade dos pasos a nivel da provincia”; xa que dos 70 existentes, tan só prevén 34 actuacións de supresión. E explican que “en todo caso non hai presuposto nin prazos”.

Os senadores alertan, ademais, de que as actuacións no termo municipal de Lugo son as máis “atrasadas” xa que, “dos 14 pasos a nivel que pretende suprimir o Goberno de Sánchez, ningún deles ten redactado o proxecto”.

O atraso na supresión dos pasos a nivel condiciona as comunicacións ferroviarias pero tamén supón a persistencia dun alto risco para a seguridade viaria e peonil da veciñanza que vive ao carón destes pasos e que reclama a súa supresión. Cos pasos a nivel abertos á circulación do tráfico de vehículos, os trens non poden circular a velocidade alta, por seguridade, e tampouco se ofrecen garantías seguras de paso para peóns e automobilistas. Recentes accidentes acreditan que Lugo segue a ser un punto negro na rede ferroviaria da provincia.

Os senadores lembran que, por decisión de Pedro Sánchez e coa complicidade do PSOE, “a provincia de Lugo queda á marxe da alta velocidade ferroviaria” toda vez que “o Goberno de Sánchez ten renunciado á construción das variantes de Os Peares-Canabal e Rubián” e as obras de modernización non contemplan a modificación do trazado que permitan alcanzar alta velocidade na liña ao seu paso pola provincia de Lugo. A todo isto hai que sumar o desprezo por obras de menor envergadura, como pode ser a supresión destes pasos a nivel, que tampouco forman parte das prioridades do Executivo de socialistas e Sumar.

Comparte éste artículo
No hay comentarios