BNG de Valga: “O Goberno municipal contrata á filla dunha concelleira para unha praza de técnico social á medida”

O que o BNG de Valga levaba advertindo semanas, acabou por confirmarse. A praza de técnico/a en «envellecemento activo e prevención da dependencia» convocada polo Concello de Valga foi un proceso feito á medida, tal e como indican as puntuacións obtidas polos aspirantes que se presentaron. Así, o primeiro exercicio teórico consistente nun cuestionario de 100 preguntas tipo test, a filla da segunda tenente alcalde e concelleira de educación e emprego acadou a maior nota, 39,2 sobre un total de 40, mentres que a segunda mellor puntuación obtivo un ofensivo resultado negativo de -7,2.

Chama a atención o extraordinario resultado obtido por esta persoa, mas tamén o resultado negativo obtido polos seguintes aspirantes, unha mostra evidente de que o temario e as preguntas ignoraron a formación no ámbito da política social. Deste xeito, o temario publicado estaba desaxustado á realidade do posto, no que se contiñan asuntos como o tráfico, o transporte, o medio ambiente, a educación, o urbanismo, o planeamento, as expropiacións ou as licenzas urbanísticas.

O tribunal cualificador deste proceso selectivo estivo formado polo interventor municipal, José Juan Vidal Vilanova como presidente, o secretario municipal, Juan Manuel Salguero del Valle como secretario, e a secretaria do Concello de Tordoia, Beatriz Oveja Villafañe como vogal. Novamente, interventor e secretario municipais están presentes nun proceso selectivo polémico e dos que o último informe do Consello de Contas alertaba que as súas prazas están vacantes desde o ano 2017, e soamente están cubertas por estas dúas persoas en acumulación de servizos. Outro aspecto irregular respecto do tribunal cualificador é que, segundo o publicado no decreto da listaxe definitiva de admitidos, os vogais eran dúas persoas máis, María Teresa Cid Poza, xefa contratación do Concello de Ribeira, e Severino Abalo Chouza, técnico de administración xeral Concello de Boiro. Na acta publicada o 10 de xullo de 2025, no que se facían públicas as puntuacións do primeiro exercicio, estes dous vogais non asinan dita acta.

Estamos diante dun auténtico escándalo que non ten cabida nos tempos que corren, e por moito que o goberno municipal do Partido Popular o intente vestir de legalidade, é unha auténtica burla a todas esas persoas que estudaron, que se prepararon e que aspiran a un emprego na administración pública. As bases foron redactadas para favorecer un perfil xurídico-administrativo, alleo por completo ás necesidades reais do posto, excluíndo titulacións clave como Traballo Social ou Educación Social. Só tras a denuncia pública do BNG de Valga, a presión social e recurso do Colexio Oficial de Traballo Social, o alcalde rectificou as bases, mais o plan xa estaba trazado.

Unha praza que non é necesaria

Resulta indignante que se destinen 33.050,50 euros, a través dun convenio coa Consellería de Política Social e Igualdade, a unha praza que nin sequera era necesaria, como así recoñeceu o propio alcalde, que manifestou por escrito que “as necesidades do departamento municipal de Servizos Socias xa se encontran debidamente cubertas”. Sen embargo, este departamento si ten carencias nas necesidades do Servizo de Axuda no Fogar, onde máis de 30 persoas agradan a adxudicación de horas para a dependencia. Co importe económico desta praza de técnico/a de nova creación poderían financiarse máis de 1.500 horas na modalidade de dependencia ordinaria, unha mellora substancial do Servizo de Axuda no Fogar e tan necesaria para as decenas de usuarios que agardan na listaxe de agarda pola concesión de horas.

Na realidade, o obxectivo non era mellorar os coidados do servizo de dependencia, senón asinar un convenio feito á medida para colocar á filla dunha concelleira. Unha mostra máis de que, para o alcalde e o resto do goberno municipal, o importante non é a veciñanza de Valga, senón colocar aos seus. Porque isto non é un caso illado. En menos dun ano, xa van dous procesos rectificados tras denuncias públicas e a intervención de colexios profesionais, como o da praza de arquitecta. É hora de dicir con claridade que non se pode normalizar como un goberno esgotado está funcionando como unha axencia de colocación para familiares e achegados.

O BNG de Valga non vai calar ante estas inxustizas. Seguirá traballando contra estas prácticas e poñer fin aos tratos de favor, loitando sen descanso para que moi pronto Valga sexa un Concello onde todas e todos teñan, por fin, as mesmas oportunidades.

Comparte éste artículo
No hay comentarios