O BNG denuncia a escasa restauración da terra queimada durante as grandes vagas de lumes do 2025

Durante a presentación da exposición sobre a vaga de lumes que padeceu Galiza no 2025 a través das fotografías do fotoxornalista Brais Lorenzo, premiado co World Press Photo Award 2026”, este luns no concello de A Rúa, a eurodeputada  do BNG Ana Miranda, destacou a necesidade de reforzar os medios de extinción e mellorar as políticas de prevención e xestión do medio rural, xusto cando hai abertos varios incendios na provincia de Ourense e Pontevedra.

A elección de A Rúa como primeira parada para a exposición titulada Lume, a ameaza dos incendios en Europa: o caso de Galiza a través da mirada de Brais Lorenzo está motivada “porque foi un dos concellos máis afectados pola vaga”, explica a alcaldesa  María G. Albert. “Hoxe, un ano despois, non se teñen feito labores de restauración, coas afectacións evidentes nos recursos hídricos, os problemas de escorrentías, de salubridade ou de seguridade cidadá”, segundo Albert, quen advirte que “estes problemas vanse repetir no tempo ante a falta de restauración do territorio”. 

Malia que a provincia de Ourense foi o territorio máis afectado polos lumes durante o 2025, sufrindo 85% da superficie queimada e quince dos dezaoito grandes incendios forestais en Galiza, a goberno do Partido Popular segue sen ofrecer datos actualizados sobre a restauración das terras afectadas.

“O Goberno de Alfonso Rueda incumpre os obxectivos sobre restauración da natureza que veñen da Comisión Europea, empregando mal os fondos europeos que ten a disposición”, denuncia a eurodeputada Ana Miranda, quen pon en valor a mostra fotográfica porque “evidencia un problema, o dos grandes incendios e a súa afectación, que se tentou agochar, igual que agora acontece coa deficiente restauración”.

Logo do seu paso polo Parlamento Europeo, exhibición é unha homenaxe ás vítimas e ás veciñas e veciños que loitaron contra o lume no 2025 e á cidadanía galega que sofre o problema dos grandes incendios forestais. Ademais da alcaldesa de A Rúa, María González Albert, e da eurodeputada, Ana Miranda, estiveron presentes a deputada no Parlamento de Galiza, Montserrat Valcarce, enxeñeira agrónoma da USC, o responsable de medio rural na Executiva do BNG, Xosé Manuel Puga, e o doutor enxeñeiro de montes pola USC, Xabier Bruña.

Un verán baixo alto risco por incendios

A finais de xullo, dende o Centro de Coordinación de Respostas ante Emerxencias da Comisión Europea advertiron que “Galiza está en mellores condicións que o ano pasado” grazas ás condicións atmosféricas pero que “nin por asomo” a tempada de risco de incendios rematara. Os lumes de Padrón, Boborás e Xermade foron até o de agora os máis importantes e só neles arderon en total máis de 600 hectáreas, afortunadamente sen danos persoais.

A deputada autonómica, Montse Valcárcel, denuncia que “se non existe a restauración do chan a súa riqueza vai se perder, se non protexemos despois dun incendio os poblemas continuarán moito despois dos lumes. O monte é responsabilidade da Xunta, como o son as faixas secundarias, que tiñan que estar executadas para o 31 de maio”.

Un ano despois da devastadora vaga de lumes do ano pasado, a Xunta presidida por Alfonso Rueda incumpre o seu propio anuncio de asumir a limpeza das franxas secundarias nos municipios con menos de 100.000 habitantes, afectando a parroquias baixo alto risco de incendios. Tamén están sen executarse plan municipais de prevención o solicitudes de declaración de Zonas de Actuación Urxente ou Prioritaria.

Comparte éste artículo
No hay comentarios