O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe aos nenos e nenas que participan no ‘Campus de Baloncesto no Camiño’, organizado polo CB Sarria e que este ano acada a súa décimo sétima edición.
A experiencia reúne a 170 rapaces e rapazas de entre 8 e 17 anos, dos que 120 participan en réxime interno. Durante unha semana -desde o pasado 12 de xullo ata este sábado, día 19-, os participantes teñen a oportunidade de perfeccionar o seu xogo da man de profesionais do baloncesto e de vivir unha experiencia única de formación, lecer e convivencia.
Ademais dos adestramentos, o programa inclúe competicións, xogos ao aire libre e actividades deportivas e culturais vencelladas ao Camiño de Santiago. Tamén incorpora sesións bilingües e dinámicas en grupo que lles permite aos menores practicar e mellorar o seu nivel de inglés dun xeito lúdico. O campus está dirixido un ano máis por Miguel Ángel Hoyo, director deportivo do CB Sarria e, desde comezos deste ano, seleccionador absoluto de Costa de Marfil.
Arias puxo en valor o traballo do CB Sarria a prol do deporte base e destacou iniciativas coma esta, “que ofrecen unha alternativa de ocio saudable durante o verán, fomentan a práctica deportiva e contribúe a formar aos xogadores do futuro, tanto na técnica do baloncesto como nos valores inherentes a este deporte, que require esforzo, compromiso e traballo en equipo”.