Rubén Arroxo: «Lugo é un exemplo de integración, contamos con veciñas e veciños chegados de 108 países distintos»

O BNG de Lugo realizou hoxe un encontro aberto con persoas migrantes co obxectivo de amosar o seu apoio e reforzar o compromiso da organización fronte ao rexurdimento de movementos racistas que se están a dar no estado.

Rubén Arroxo, portavoz do BNG de Lugo, afirmou que Galiza e Lugo son zonas «acolledoras e solidarias» e afirmou que «ante o odio e o racismo que vemos a diario, desde o BNG de Lugo quixemos manter un encontro coas persoas migrantes de Lugo para coñecer as súas necesidades e amosar novamente o noso apoio», explicou Arroxo, quen insistiu na importancia de escoitar as voces das persoas migrantes e crear espazos de diálogo para avanzar cara unha sociedade máis xusta e igualitaria.

Segundo os datos do IGE, Lugo conta con veciñas e veciños chegados de 108 países o que demostra, segundo afirmou Rubén Arroxo, «que somos un exemplo de integración e de convivencia». O portavoz do BNG destacou que Galiza foi históricamente terra de migrantes e que hoxe «temos que transformarnos en terra de acollemento e pluralidade».

O acto rematou coa lectura dun manifesto elaborado pola artista multidisciplinar Luz Darriba, cun texto que aposta por respecto, unidade e defensa dos valores democráticos ante os brotes de racismo, xenofobia ou aporofobia, defendendo a convivencia pacífica e o dereito de toda persoa a buscar unha vida mellor. «Imos defender cada un dos espazos democráticos que tantas vidas custaron; imos dart esta batalla coas armas da razón e do dereito, da xustiza a prol dunha convivencia pacífica e amábel entre os seres humanos», di o manifesto.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios