O PP de Pol destaca que a débeda municipal podería superar xa os 5M€ achegando o Concello “á bancarrota”

Nicole Grueira pon como exemplos da “mala xestión económica” de Lino Rodríguez o caso das nóminas do mes de agosto que non se abonaron aos traballadores municipais ata o 12 de setembro, ou como o período medio de pago a provedores e empresas e autónomos que realizan traballos para o Concello se dispara ata os 82,68 días.

A débeda do Concello de Pol podería superar xa os 5M€, “unha cifra que achegaría ao Concello á bancarrota” xa que se trata dun municipio que supera por pouco os 1.500 veciños.

A voceira municipal do PP de Pol, Nicole Grueira, realiza esta afirmación tendo en conta dos datos da Conta Xeral de 2024 que o goberno local, encabezado por Lino Rodríguez, aprobou a semana pasada no pleno. Segundo este documento oficial do Concello de Pol, a débeda media por cada veciño de Pol é de 3.203,59€ o que multiplicado polos 1.542 veciños deixa unha débeda de 4.939.935,78M€ ao peche do ano 2024, “polo que agora, preto do remate do 2025 todo apunta a que superamos os 5M€ de débeda municipal”.

“A situación é moi preocupante” xa que a realidade que vive o Concello é que “de non ser por outras administracións, que envían recursos económicos á institución, Lino Rodríguez non podería facer fronte nin aos gastos correntes de cada mes”, sinalou, recordando o caso das nóminas do mes de agosto que non se abonaron aos traballadores municipais ata o 12 de setembro, ou como o período medio de pago a provedores e empresas e autónomos que realizan traballos para o Concello se dispara ata os 82,68 días.

A realidade do Concello de Pol é “dun importante problema de financiación o que limita a autonomía do Concello, xa que se volveu dependente doutras administracións para poder realizar calquera tipo de investimento ao carecer de financiamento”.

A política económica de Lino Rodríguez á fronte do Concello de Pol evidencia que “estamos ante un moi mal xestor económico” (sempre baseándonos nos datos oficiais aprobados polo goberno local). Ante esta situación, Nicole Grueira fai unha comparativa cunha economía doméstica: “ningún fogar pode sobrevivir cando, todos os meses, os gastos son superiores aos ingresos e esa é a realidade que vivimos no Concello de Pol”.

Unha situación “moi negativa” que “require de medidas urxentes” comezando porque Lino Rodríguez “deixe de destinar fondos e recursos aos seus caprichos, como o campo de fútbol, e os destine aos gastos básicos e correntes do Concello, como pagar aos empregados municipais, pagar as facturas e dar bos servizos municipais aos veciños”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios