O Grupo Municipal Socialista do Vicedo reuniuse co presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, para trasladarlle as propostas recollidas na súa campaña «Escoitámosvos». Entre as demandas veciñais destacan a mellora de estradas, pasos de peóns e outras actuacións de mantemento.
Como resultado da colaboración coa Deputación, o organismo provincial xa destinou máis de medio millón de euros a melloras nas comunicacións do Vicedo. As actuacións inclúen obras na estrada que vai á praia de Xilloi (LU-P-6405), así como a rehabilitación das vías que conectan Suegos con Falcoeira e O Vicedo co Cristo de Portapena. O PSdeG conclúe que «levamos as propostas ao Pleno, á Área Sanitaria e á Deputación» e que o seu traballo está a conseguir «feitos concretos para o Vicedo».