A Plataforma Sanitaria da Mariña leva anos denunciando a falta de ambulancias medicalizadas e persoal

En relación ás noticias de que na pasada fin de semana a dotación dunha única ambulancia medicalizada foi claramente insuficiente para a atención que se requeriu en diversas emerxencias que xurdiron, a Plataforma Sanitaria da Mariña quere explicar e aclarar que desde o colectivo levamos bastantes anos denunciando esta situación de deficiencia que afecta ao transporte sanitario de emerxencias.

A comarca da Mariña  ten unha poboación estable de máis de setenta mil habitantes, poboación que nos meses de verán pode superar as douscentas ou douscentas cincuenta mil persoas. Na comarca a dotación é dunha ambulancia de soporte vital avanzado, que se tería que encargar de todas as emerxencias extrahospitalarias que requiran dese servizo. Máis esta única ambulancia non só realiza estas funcións , senón que está a efectuar traslados interhospitalarios que requiren da presencia de persoal facultativo, xa que o hospital da Mariña non dispón de suficiente persoal médico par poder asumir estas funcións, e que tradicionalmente si facían usándose para tales traslados unha ambulancia que se denominaba UCI móvil. Deste xeito, cando a ambulancia de soporte avanzado está a realizar un traslado interhospitalario  a Mariña queda sen o servizo varias horas . Estes traslados son bastante frecuentes ao nos poder asumirse desde o hospital por déficit de persoal, polo que hai moitos días durante bastantes horas que non temos o servizo para o que realmente foi creado.

Pero é que a maiores o servizo resulta insuficiente dadas as especiais características da comarca, con poboación altamente dispersa, con lugares de moi difícil acceso nos que se inviste moito tempo para chegar , cunha distancia entre os extremos do territorio de oitenta quilómetros e cunhas estradas obsoletas desde hai trinta anos, que impiden uha áxil resposta ante as emerxencias.

A solución do goberno da Xunta foi permitir a eliminación do segundo técnico.

Diante dos problemas de infraestruturas , distancias, accesibilidade , poboación estable , superpoblación nos meses de verán e a  asunción de funcións impropias que enlentecen a resposta ás emerxencias, a gran solución que deu o goberno da Xunta foi permitir que se eliminara a figura do segundo técnico de transporte sanitario na única ambulancia medicalizada que hai na Mariña. Esta figura profesional que foi eliminada resulta indispensable para o óptimo desenvolvemento das emerxencias extrahospitalarias, cumplindo funcións cruciais tanto durante o propio traslado como nas actuacións in situ nas emerxencias. A ausencia destes profesionais desde hai anos motivan que en moitas ocasións se teña que facer uso dun reforzo de soporte básico para suplir as funcións do técnico eliminado da dotación, e polo tanto quitando durante ese tempo un recurso que tería que estar realizando o seu traballo noutros lugares.

Desde este colectivo sanitario esiximos á Consellería e ao goberno da Xunta que dunha vez por todas comecen a pisar o territorio , desde o primeiro ata o último camino veciñal  ou vivienda e planifiquen os servizos en función das necesidades e non dos recursos económicos nin dos plans espúreos de desmantelamento para a posterior privatización da sanidade. Montse Porteiro, coordinadora da plataforma sanitaria comenta que de todas e todos é sabido que “os servizos públicos son moito máis costosos e dificultosos para administralos no rural, polas características territoriais de dispersión, difícil acceso ou outros máis neso consiste a equidade , que parece que tamén eliminaron ese concepto que define aos servizos públicos”.

Privilexios para a monarquía e recortes para a ciudadanía.

Desde o colectivo sanitario tamén reprochan á Consellería o desplegue de medios sanitarios pola visita dos reis xa que nesa ocasión si que houbo unha segunda ambulancia medicalizada, a pesar de que se atopaban a cinco minutos do hospital da Mariña e de que  “ os servizos sanitarios estaban garantidos”, segundo están a trasladar sempre.  Máis non solo houbo unha ambulancia medicalizada en exclusiva para os reis, senón que esta ambulancia si estaba dotada ao completo , con dous técnicos de transporte sanitario a maiores de enfermeir@ e médic@”, polo que a conclusión á que chegamos é que “ quen xestiona a sanidade pública está a outorgar privilexios á monarquía mentres recorta á ciudadanía clarificando ben cales son os seus verdadeiros intereses e como entenden a equidade na atención sanitaria”, conclúen.

Comparte éste artículo
No hay comentarios