A asemblea local do BNG da Pastoriza elixiu David Saavedra López, enxeñeiro de Telecomunicacións de 41 anos, como candidato á alcaldía do concello para as eleccións municipais de maio de 2027. A designación produciuse na asemblea celebrada o martes na Pastoriza, coa participación da militancia da organización local, que respaldou a proposta.
Saavedra López toma a remuda de Elva Carrera, que despois de encabezar cinco veces a candidatura nacionalista comunicou á asemblea a súa decisión de non repetir como cabeza de lista. Carrera foi tenente de alcaldesa durante catro mandatos, un dos períodos máis longos de presenza nacionalista nun goberno municipal da Terra Chá, e mantén hoxe a portavocía do grupo municipal do BNG, que conta con tres concelleiros.
«Deixo o proxecto en boas mans»
«Foron moitos anos de traballo e de moitas satisfaccións polo feito. Pasei cinco veces polas urnas encabezando esta candidatura e catro mandatos coa responsabilidade de xestionar. Considero que este é o momento axeitado para dar un paso ao lado e que outras persoas collan o relevo, cando a organización está forte. Deixo o proxecto en boas mans e vou seguir estando, agora desde outro lugar», sinalou Carrera.
O novo cabeza de lista é enxeñeiro de Telecomunicacións e está vinculado á vida asociativa do concello. Saavedra agradeceu a confianza da militancia, así como o traballo desenvolvido pola súa antecesora e por todas as persoas que integraron as candidaturas nacionalistas ao longo destes anos.
«Asumo esta responsabilidade con ilusión e coa conciencia do que representa. O BNG da Pastoriza é hoxe unha organización forte grazas ao traballo de moita xente e, de maneira moi especial, ao de Elva Carrera, á que quero agradecer públicamente todos estes anos de compromiso», declarou.