Día da Galiza Mártir. Por Xosé Edrosa Leal

Presidente do Ateneo Galeguista-Terra Cha

Hoxe 17 de agosto, Día da Galiza Mártir. Un día  no que lembramos a aquelas figuras que, dun xeito o doutro, sufriron os aconteceres da nosa matria, Galiza. Alexandre Bóveda (dirixente do PARTIDO GALEGUISTA),  vilmente asasinado polos golpistas facinerosos o 17 de agosto de 1936, de costas a un piñeiro no monte Da Caeira, foi a figura elixida para esta efeméride, que simboliza a tantas outras que sufriron o mesmo cruel destino. Unha traxedia histórica que nos debe levar a unha fonda reflexión nestes tempos de incertidume, nos  que voltan a aparecer os féridos e duros de corazón, nostálxicos e cobizosos dos privilexios que lles deparou aos seus antergos aquel estado opresor.

Mais cando un feito coma o que hoxe lembramos se institucionaliza oficialmente, malia ao esforzo na procura da orixinalidade e frescura luminosa, corre o risco de caer na rutina  do uso e costume preestablecidos, con actos florais repetitivos e de regrado automatismo nas formas e discursos. Incluso, os escribas, nos convertemos en cronistas repetidores e cansinos da historia.

Hoxe, pois, debe ser un día de lembranza, sentimento e recoñecemento renovados dos nosos compatriotas mártires e das súas familias que tamén o foron, por defender a liberdade e a libre expresión dos seus ideais na defensa dos valores democráticos ameazados, nos que estaban en xogo a propia identidade de Galiza como  pobo libre e dono do seu destino. Pero aqueles compatriotas nosos atopáronse coa outra España, a dos intolerantes, a que, nas verbas de Antonio Machado  vai xearlles o corazón, levándoos ao martirio. Logo pecháronse as luces durante a longa noite de pedra, a que nos cantou o noso poeta Celso Emilio Ferreiro.

Tamén houbo outros mártires que non debemos esquecer no día de hoxe, aqueles que se contan por milleiros, todas as galegas e galegos que tiveron que partir forzosamente camiño do desterro, empurrados pola falla de liberdade, seguridade e  dos medios de vida dos que se viron privados, tamén aqueles que asumiron o risco de quedarse na terra sufrindo o réxime opresor e castrador sistemático dos dereitos fundamentais inherentes ao ser humano, sustituidos por aqueloutros inducidos  nas escolas do franquismo, secuelas que despois de cincuenta anos aínda se manifestan, consciente ou inconscientemente, en amplos sectores da sociedade e da política deste país. A proba máis palmaria témola  nos episodios que a cotío contemplamos nos parlamentos democráticos, utilizando a súa reprentación como instrumento para a súa liquidación e voltar a aquel pasado de triste lembranza, para eles e os seus ascendentes, glorioso. Uns patriotas de pulseira e regalía, que non de soldo a fin de mes, pois o soldo está adicado a quen desenvolve unha función produtiva, que non é o caso.

Pero non só sufriron martirio na súa condición de persoas físicas aquelas e aqueles aos que hoxe lles adicamos este día, pois tamén existe outra vítima á  que  veñen martirizando durante anos, e que afecta a toda a cidadanía deste país, Galiza. Si, Galiza é a principal mártir, e hoxe moito máis, porque a están queimando impunemente, e porque non tén quen a protexa, a defenda e a coide. Levamos moitos anos asistindo impávidos a esta agresión, convertida nun negocio espurio do que se benefician uns poucos; unha miseria e unha desgraza para o noso medio natural e patrimonial, que cobra vidas humanas. Fronte a este drama magoante e inmoral,  A Xunta de Galicia  que goberna en continuo fraude democrático. Si, fraude democrático, porque malia ao reiterado dano causado, non tén adoptado as medidas de prevención efectivas e adecuadas aos riscos probados e contrastados técnica e científicamente. Unha deixación que quebra os principios de confianza e boa fe que debe presidir a acción de todo goberno. Ata cando, as galegas e galegos estamos dispostos a seguir pagando as incompetencias deste Goberno?

Cómpre no día de hoxe erguer a nosa voz reivindicativa, mesmo como o teñen feito os nosos antergos que hoxe lembramos de xeito emocionado, aqueles homes e mulleres, militantes comprometidos do PARTIDO GALEGUISTA (PG) e con Galiza, tamén doutras forzas políticas, naquel tempo convulso dos anos trinta do pasado século, no que defender os dereitos deste país era un labor de alto risco, o exemplo de Alexandre Bóveda, dános a medida do prezo pagado.

A coincidencia desta efeméride co ano adicado a Castelao, tamén co proceso de refundación que está a artellar o PG, fai que os actos deste ano cobren unha maior transcendencia, xa que Castelao e Alexandre Bóveda foron os dous principais impulsores daquel proxecto ilusionante, cantado solemnemente no noso himno, e así o recoñece e garante o artigo 2º do título preliminar da Constitución Española, sentando o termo diferencial entre nacionalidades e rexións, nacionalidade na que, obviamente, atópase Galiza. Non se trata, pois, dunha reivindicación, que tamén, senón da constatación dun dereito constitucional, incumprido nos seus principais termos. Tampouco é un canto ao independentismo, senón un recordatorio aos nosos lexisladores, na procura de evitarlles a tentación de converterse en separadores dos que outrora nos falou Castelao. Tamén dicirlles que ese non é un dereito dado pola Carta Magna, senón o recoñecemento e constitucionalización da súa preexistencia, malia a que no Título VIII da CE quede mutilado. Pero aí queda, e aí está, agardando mellores tempos.

Mais aló dos actos de lembranza, recoñecemento, xustiza e reparación para os nosos mártires, o día de hoxe deberá ser tamén un acto de reflexión e renovación do noso compromiso de ofrecerlle a este país unha alternativa de vida e de progreso á altura dos ideais polos que os nosos mártires inmolaron as súas vidas, amosándolles con este exemplo que o seu sacrificio non foi estéril. Esta sería a verdadeira homenaxe, o acto de clamor e de xustiza do que nos falou Castelao na súa ALBA DE GRORIA.

O día de hoxe, non debería ser, pois, unha data máis no calendario, senón de reafirmación e compromiso de todos aqueles e aquelas que senten o tirón telúrico da terra  declarándose galeguistas. E ao PARTIDO GALEGUISTA que nos convoca  baixo as súas siglas ateigadas de historia, asístelle o deber irrenunciable de converterse no  faro e guieiro deste compromiso, chamando con humildade e convicción a todas as galegas e galegos que desexen sumarse á tarefa de renovación e reconstrución necesaria deste país. Unha chamada que se fai imprescindible a todos os mozos e mozas desta Galiza inmorrenta e próspera en recursos e valores, dicirlles que o camiño é ir xuntos pola terra, ese sentimento que abrolla dos seus nobres corazóns e limpa conciencia, do que teñen dado exemplo salientable nos momentos difíciles nos que Galiza os necesitou. Vímolos en NUNCA MÁIS, mergullados ata as orellas no ‘chapapote’; estámolos a ver na defensa e protección dos nosos recursos naturais e patrimoniais ante a ameaza real de ALTRI, a pasteira que, contra toda lóxica e razón , o  Goberno do señor Rueda e o PPdeG pretenden imprantar este cancro en pleno corazón de Galiza. E aí están os nosas mozas e mozos dando exemplo e, os que xa non o son, axudando.

Mais non me cabe dúbida, que hoxe, cando Galiza arde polos catro costados, esa mesma xuventude, vaise pór á fronte, porque están cansos, porque lles doe o seu país e o seu futuro, un sentimento expresado por Maika, unha moza veciña de O Sexo (A Golada), cando o lume deste venres rodeaba os seus fogares “ NIN OLVIDO NIN PERDÓN. QUEIMAN GALICIA”.

Esas son as  mozas e os  mozos galegos, os nosos patriotas, aínda que non leven pulseiras e abalorios exhibindo as súas accións. Non os necesitan, abondan as súas razóns e exemplaridade. Os nosos mártires estarían ledos e orgullosos desta xente comprometida co país, pois eles tamén o fixeron no seu tempo, a risco das súas vidas, o meirande exemplo de nobreza e xenerosidade. Non o esquezamos.  

Comparte éste artículo
No hay comentarios