PSOE. O Concello de Abadín, «abandonado á súa sorte» en plena vaga de lumes pola improvisación do PP

O Grupo Municipal Socialista de Abadín, co seu voceiro Pablo Díaz á fronte, denuncia a grave situación de vulnerabilidade na que se atopa o concello en plena vaga de incendios forestais. Os socialistas acusan directamente ao goberno local do Partido Popular de deixar a veciñanza e o territorio «abandonados á súa sorte» debido á súa absoluta falta de previsión e planificación.

Unha brigada «de pega» que durou tres días

Os socialistas explican que a brigada contra incendios se aprobou a mediados do mes de agosto, coa temporada de alto risco xa avanzada, e apenas tres días despois quedou totalmente inoperativa. A razón: a renuncia de dous dos seus integrantes, un feito que demostra a improvisación e a precariedade da xestión.

«O que estamos a vivir é unha mostra evidente da incapacidade do goberno para xestionar un problema tan grave como os lumes», sinala Pablo Díaz. «Non se pode constituír unha cuadrilla en agosto, cando xa levamos semanas con lumes en todo o país. Isto é actuar tarde, mal e arrastro, sen estrutura e sen previsión algunha».

Aposta por medidas estruturais e definitivas

Fronte a esta «improvisación», o PSdeG-PSOE propón medidas urxentes e estruturais para garantir a seguridade de Abadín.

  1. Unha brigada permanente: Os socialistas reclaman a creación dunha brigada estable que traballe durante todo o ano no desbroce e limpeza do monte, especialmente nas pistas e camiños das aldeas, onde o tractor non chega. «O primeiro paso para evitar un incendio é ter o monte limpo, e iso só se consegue cunha planificación seria os doce meses do ano», insiste Díaz.
  2. Adhesión ao plan de biomasa: O PSdeG-PSOE denuncia que Abadín é un dos poucos concellos da comarca que aínda non se adheriu ao plan de xestión das franxas secundarias de biomasa. Este instrumento legal é crucial para protexer as vivendas e os núcleos de poboación, unha medida que xa adoptaron municipios como Cospeito, Mondoñedo ou Vilalba.
  3. Bloqueo político no Pleno: A denuncia socialista vai máis aló, lembrando o rexeitamento do Partido Popular no último pleno extraordinario á súa proposta de desbroce de camiños. «Un goberno serio non pode votar en contra do desbroce cando é a mellor ferramenta para frear a propagación do lume. Iso demostra que para o PP a prevención non é unha prioridade», conclúe o voceiro.
Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios