O Concello de Lugo acolleu hoxe a presentación das XL Xornadas Penitenciarias Lucenses, organizadas pola Asociación Penitenciaria Concepción Arenal, que este ano chegan á súa 40 edición e estarán centradas na evolución dos apoios ás persoas con diversidade funcional e na aplicación práctica da Lei 8/2021.
Na presentación participaron a alcaldesa de Lugo, Elena Candia; a presidenta da Asociación Penitenciaria Concepción Arenal, Elvira Fernández; e a vicepresidenta da entidade e directora da UNED de Lugo, Ana Traseira.
Candia destacou que “poucas actividades na nosa cidade poden presumir dunha traxectoria de corenta edicións” e puxo en valor a capacidade das xornadas para evolucionar desde o seu ámbito inicialmente penitenciario cara a cuestións xurídicas, educativas e sociais que preocupan directamente á cidadanía.
A alcaldesa subliñou tamén o legado de Concepción Arenal, especialmente a súa preocupación polos dereitos, polo traballo social e pola igualdade, valores que, sinalou, continúan presentes no traballo desenvolvido pola asociación.
A primeira xornada terá un marcado carácter xurídico e xudicial e analizará a evolución da Lei 8/2021, que modificou o sistema tradicional de incapacitación para avanzar cara a un modelo baseado nos apoios á persoa. No programa participarán especialistas do ámbito universitario, xudicial, notarial e rexistral, incorporando tamén a experiencia directa dunha persoa usuaria da UNED.
A segunda xornada trasladará o debate ao ámbito social e á aplicación práctica dos apoios, coa participación de profesionais que traballan directamente con persoas en situación de especial vulnerabilidade.
Entre eles estará unha especialista da Garda Civil en vítimas vulnerables, que abordará a atención a persoas con diversidade funcional vítimas de abuso sexual ou violencia de xénero, así como a figura do facilitador, profesional que contribúe a que a persoa comprenda e poida relacionarse en condicións axeitadas cos distintos ámbitos institucionais e xudiciais.
Candia incidiu especialmente no valor desta visión práctica: “Tan importante como coñecer a norma é comprobar como funciona cando ten que dar resposta a situacións reais e ás necesidades concretas das persoas”.
As xornadas poñerán tamén o foco na responsabilidade comunitaria e na necesidade de avanzar na propia linguaxe, deixando atrás conceptos centrados na incapacidade para falar cada vez máis de diversidade, autonomía e apoios.
A alcaldesa concluíu agradecendo o traballo da Asociación Penitenciaria Concepción Arenal e de todas as entidades participantes, destacando que “avanzar cara a unha sociedade que elimine desigualdades, respecte a diversidade e poña as persoas no centro merece todo o noso apoio”.