Coordinador UCIN Galicia
En Luxemburgo non hai que pagar polo bus, o tren ou o tranvía. Subes, sentas e listo. O país investiu máis de 500 millóns de euros ao ano para converter a mobilidade nun dereito e non nun negocio.
Isto lévanos a preguntar: por que en Galicia non? Aquí temos cidades cheas de coches e aldeas mal comunicadas. A xente depende dun servizo que moitas veces é insuficiente ou inexistente.
O soño dunha Galicia conectada
Imaxinemos por un momento: Compostela sen tráfico no centro, Vigo cos buses urbanos cheos de estudantes e traballadores, e as aldeas da Costa da Morte conectadas sen ter que depender do coche. Un mundo onde o transporte público é gratuíto. Os beneficios serían enormes:
- Menos contaminación: Menos coches nas rúas significarían menos fumes nos nosos vales.
- Mellor calidade de vida: A vida sería máis doada para quen ten un peto apertado, xa que o transporte non sería un gasto.
- Máis conexión: As zonas rurais, a miúdo illadas, estarían mellor conectadas.
O desafío: quen paga a factura?
A principal pregunta é: quen paga a festa? En Galicia, os investimentos en infraestruturas adoitan ser lentos, e moitas veces escoitamos que «non hai cartos». Porén, si que se atopan fondos para outros proxectos. Quizais sexa unha cuestión de prioridades.
A miña resposta é simple: pagámolo entre todos, como sempre, pero polo menos o beneficio tamén sería para todos. Se Luxemburgo, un país con moitas menos persoas, puido, por que non Galicia? Ao mellor, o segredo non é ser rico, senón ter vontade política e crer que a mobilidade da xente é tan importante como calquera outro gran proxecto.
Soñar non custa nada, pero converter este soño en realidade depende da nosa capacidade para esixir aos nosos gobernantes que pensen no benestar de toda a cidadanía.